O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




viernes, 14 de noviembre de 2014

PUBLICACIÓN DO MONOGRÁFICO DO CENTENARIO DO TORQUES DE CENTROÑA

Por fin, tras innumerables atrancos e con nada menos que dous anos de retraso, sae á luz o monográfico que elaboramos dende Ardóbriga con motivo do centenario do achado do Torques de Centroña en 1912: O Torques de Centroña cen anos despois. Publícase como suplemento do nº 21 da revista Cátedra e a o podedes ler na súa versión a cor e formato pdf na web da mesma.

Engadimos seguidamente o texto íntegro leído no acto de presentación polo coordinador da obra Antón Prego Fernández o pasado 10 de outubro no Salón de Actos da Casa da Cultura do concello de Pontedeume:



BOAS TARDES

O Torques de Centroña saíu á luz en setembro de 1912 de maneira casual, nos labores da colleita das patacas. Aboiou das entrañas da terra coma un resucitado que retorna do outro mundo para iniciar unha nova vida.

Estas son as primeiras frases do texto de presentación dunha monografía que tiña que levar dous anos xa publicada e que, por extrañas vicisitudes de distinta índole, veu retrasado o seu alumeamento. Vicisitudes que caseque por si mesmas darían material para unha nova monografía ou polo menos un artigo na revista Cátedra para cando ésta celebre o seu propio centenario. Pero ese labor ímolo deixar para as xeracións vindeiras, para que, se cadra, nos poñan a cada un de nós no lugar que teñamos merecido.

Pero o caso é que a monografía que leva por título O Torques de Centroña cen anos despois sae por fin do prelo ao abeiro da nosa querida revista Cátedra. O resultado para a asociación Ardóbriga é máis que satisfactorio, xa que conseguimos sacar adiante o proxecto que nos propoñéramos aló por febreiro de 2012 e que consta dos seguintes artigos:

O primeiro leva por título: 1912. Achado arqueolóxico en Pontedeume!, vai asinado por dous membros da asociación Ardóbriga (Ramón Infante e Antón Prego) e narra a vida do torques dende o momento do seu descubremento ata a actualidade.

Séguelle un detallado artigo de Aurelia Balseiro: O Torques de Centroña na ourivaría Castrexa. Directora do Museo Provincial de Lugo e responsable ata hai aproximadamente un ano da custodia do Torques, Balseiro é unha gran especialista en ourivaría castrexa e a persoa máis indicada para facer a análise técnica descritiva da peza que lle pedimos dende Ardóbriga.

A continuación temos unha colaboración titulada Os atributos do guerreiro, as ofrendas da comunidade. A interpretación dos torques a través da iconografía de dous investigadores de prestixo internacional: Xosé-Lois Armada e Óscar García-Vuelta que desenvolven as posibles funcións destes obxectos nas sociedades nas que foron fabricados e utilizados en base ás súas representacións iconográficas.

Seguidamente, e de man da arqueóloga Mª Carmen Martínez, temos un Catálogo de Torques Ártabros (que é a tipoloxía á que se adscribe o de Centroña), debidamente actualizado e contextualizado e que ben pode valer como referente para outros autores que traballen estes temas no futuro.



Despois ven o artigo titulado Os territorios e cidades ártabras, do arqueólogo e colaborador habitual de Ardóbriga Fidel Méndez que, perfilando o contexto etnohistórico do pobo ártabro, creador artesán de xoias como o Torques de Centroña, senta as bases para unha innovadora liña de investigación sobre ese pobo prerromano.

Remata a monografía cunha breve reseña titulada O Torques de Centroña, a Asociación Ardóbriga e o Proxecto Castro de Castrelo na que explicamos as razóns que nos levaron a utilizar o Torques como imaxe corporativa e as actividades que a asociación Ardóbriga venimos realizando dende a nosa fundación en relación co que denominamos Proxecto Castro de Castrelo e que ten como fin último a posta en valor do mesmo e a declaración BIC do xacemento.

Non querería rematar esta presentación sen antes expresar a gratitude da Asociación Ardóbriga aos autores e autoras dos diferentes artigos polos seus excelentes e desinteresados traballos e tamén pola súa infinita paciencia, ao Consello de Redacción de Cátedra e ao seu coordinador Alexandre Caínzos polo apoio ao noso proxecto e ao Concello de Pontedeume como editor final da obra. 

MOITAS GRAZAS