O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




viernes, 19 de agosto de 2016

SOBRE AS PEDRAS GRAVADAS APARECIDAS EN NOGUEIROSA

O pasado día 15 de agosto o xornal La Voz de Galicia daba conta dun achado supostamente arqueolóxico a instancias do coñecido empresario eumés Cheché Veiga que atopou nunha finca nas proximidades do castro de Nogueirosa dúas pedras cunhas imaxes gravadas. Onte, un grupo de socios de Ardóbriga acompañados polo alcalde de Pontedeume e os concelleiros de Cultura e de Obras puidemos examinar nos xardíns da Casa da Cultura onde está depositadas, xunto ás lápidas de a Ínsua e de Centroña, á espera do exame dos expertos que envíe Patrimonio para a súa avaliación.


Entre o grupo non había persoas especializadas en gravados prehístóricos, pero a maioría eramos coñecedores da Historia da Arte con certa experiencia no tema por ter visitado numerosas estacións de gravados rupestres en diferentes zonas de Galicia e mesmo con coñecemento dos procesos técnicos da cantería e da talla en pedra. Observamos as pedras e analizamos diferentes aspectos das mesmas:

1. AS PEDRAS: 
Trátase de dous bloques de granito de forma cadrangular irregular de aproximadamente un metro de longo por uns 80 cm de ancho e uns 20 de grosor. As pedras están en bruto e presentan aristas que carentes de erosión que revelan unha extracción de canteira relativamente recente (non hai máis que comparalas coas pedras veciñas procedentes de A Ínsua de non máis 500 ou 600 anos de antigüidade). Non é frecuente, ademais, que este tipo de gravados aparezan sobre pedras destas características.

Pedra nº 2

Pedra nº 1


2. A ICONOGRAFÍA:
Na pedra que chamaremos nº 1 hai dúas formas xeométricas, unha delas é unha espiral atravesada por unha liña rematada nos extremos polo que pode interpretarse como puntas de frecha contrapostas, o outro deseño consiste nun tríscele formado por tres estreitas medias lúas que lembran follas de fouciño cunhas cazoliñas intercaladas nos tres hocos. Os temas da espiral e o tríscele son frecuentes na iconografía dos pobos célticos, é de todos coñecido, pero os aspectos formais con que aparecen aquí son certamente innovadores e non se parecen estilísticamente a ningunha que teñamos visto antes en museos ou publicacións. 
Na pedra que chamaremos nº2 pódense ver tres imaxes: unha figura animal (acaso unha cerva?), unha figura humana moi esquemática e co que podería ser un arco na súa man dereita e un conxunto de liñas formando unha especie de espiña de peixe o de árbore sen follas. Son motivos frecuentes na iconografía dos petroglifos da Idade do Bronce, pero estes adoitan aparecer sobre afloramentos de rocha natural (de aí a denominación de arte rupestre) e non sobre fragmentos de pedra extraídos de canteira. Ademais o aspecto do "arqueiro" lembra máis ao monicaco feito por un neno que aos cazadores ou guerreiros que se poden ver, por exemplo, en Campolameiro.





3. A TÉCNICA:
A técnica empregada é lixeiramente diferente nas dúas pedras. Nos dous casos empregáronse procedementos de talla indirecta cunha ferramenta punzante (punteiro) na pedra nº 2 e cunha ferramenta de corte (cicel ou mesmo mediacana) que deixou claras pegadas nas puntas dos brazos do tríscele na nº 1, as cazoliñas desta foron feitas cun instrumento de corte xiratorio (taladro ou trépano) inexistente na prehistoria e as pegadas pódense notar tanto á vista como ao tacto.





CONCLUSIÓNS:
Á espera do dictame do experto de patrimonio, todo parece indicar que as formas talladas nas dúas pedras son de factura moderna. Ademais, no contexto da visita puidemos saber que nos días anteriores as pedras foron analisadas por Juan Sobrino e por membros do Grupo Arqueolóxico Terra de Trasancos coincidindo a súa opinión coa nosa.