O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




lunes, 12 de septiembre de 2016

EN BUSCA DA VILA ROMANA DE CENTROÑA

O xacemento de época antiga ou tardo-antiga máis importante do concello de Pontedeume é a coñecida como Vila romana de Centroña, que foi escavada por José María Luengo no ano 1950 puidéndose ver os materiais atopados (restos de tégula e latericio, mosaico, mármore e fragmentos de pintura mural) expostos no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón (A Coruña). O xacemento foi datado no século IV da nosa era e o informe da intervención publicado no Tomo XVII do Caderno de Estudos Galegos no ano 1962.


Materiais da Vila romana de Centroña.

Logo da escavación de Luengo non volveu haber intervencións coñecidas na Vila de Centroña, pero si temos constancia por veciños dos arredores do achado de materiais como restos de mosaico na cala inmediatamente inferior chamada O Cerrulo (aínda que algúns recentemente teñan a teima de cabiarlle o nome polo de Jajuai). 


Calas de Centroña e O Cerrulo

O pasado sábado 10 de setembro un grupo de ardóbrigos, dirixidos polo noso particular guía local Gonzalo (e desde xa ardóbrigo de honor) dirixímonos ao lugar de O Cerrulo en busca do que puidese quedar da Vila romana de Centroña.



O borde litoral da parroquia de Centroña está formado por un acantilado de mediana altura (pouco máis de 15 ou 20 metros de altura) de rocha de lousa e xabre moi alterada e traballada ano tras ano por mareas e correntes que a van desfacendo de maneira ben visible. O límite entre as terras de cultivo e a ría está inzado por unha franxa de mesta fraga de castiñeiros, salgueiros e loureiros que van caendo ao mar a medida que este socava a inestable terra que a sostén. Por este terreo, certamente perigos, tivemos que adentrarnos para poder chegar ao pouco que queda hoxe en día da Vila romana.


Os acantilados están moi erosionados
O que nos mostrou Gonzalo foi un resto de paramento cuberto pola hedra que despexamos para poder velo mellor,  Os restos que puidemos ver teñen forma de U e uns 2 metros de altura na parte máis alta e uns 3 metros de ancho no seu interior, construído en obra de mampostería de xisto con algunha peza de granito polo medio.


Os restos que atopamos estaban cubertos pola hedra




Levabamos unha copia do plano levantado no seu día por J.M. Luengo, e despois de darlle moitas volta concluímos que se trataba dos mesmos muros da parte sur que aparecen no plano. Despistou moito o feito de que non queda absolutamente nada dos fragmentos de muro que había ao norte, pero é que realmente os axentes erosivos traballan con moita intensidade nesa parte da costa. O realmente sorprendente é que os restos atopados non parecen tan deteriorados despois de 66 anos de exposición ás inclemencias se os comparamos coas fotos da escavación que publicamos.


Plano do xacemento levantado por J.M. Luengo en 1950
Fotos da escavación, Museo Arqueolóxico de A Coruña.

Agora toca reflexionar sobre a necesidade dunha nova intervención que de seguro sacaría á luz máis elementos materiais que puideran contribuir ao  mellor coñecemento do noso pasado.