A
semana pasada saltaba ás páxinas da prensa galega a noticia que
daba por definitivamente morto o chamado Teixo de Pontedeume ou Teixo
dos Tenreiro, por pertencer orixinariamente á finca A Fábrica
que os herdeiros desta familia posúen no lugar de Esteiro.
Sorprendeunos
en principio o súpeto interese amosado polos medios de comunicación
polo que era a crónica dunha morte anunciada. Non facía falta ser
experto en Botánica para percibir as evidentes sinais de agonía con
que o teixo, catalogado como árbore senlleira, non deixaba de avisar
do seu (inevitable?) destino. Así pois, a noticia foi realmente a
certificación de defunción outorgada polos e especialistas da
Estación Fitopatolóxica de Areeiro.
Dende
Ardóbriga levamos anos denunciando a desidia e a neglixencia
que presiden as políticas de conservación do patrimonio, tanto da
Xunta como do Concello. Un desastre patrimonial de semellante
envergadura non se produce dun día para outro e a perda irreparable
dun ben catalogado como este non tería lugar sen a neglixencia das
autoridades legalmente responsables da súa conservación. Por parte
do Concello, as últimas eleccións locais puxeron ao anterior equipo
de goberno (coñecedorda situación da árbore) no lugar que lle correspondía, pero veremos se a nova
corporación cumpre coas súas obrigas ou se permite que continúe o
esmorecemento do casco vello da vila de Pontedeume e o deterioro do
seu patrimonio arqueolóxico, por de pronto tomou a iniciativa de solicitar o estudo que certificou a irreversible situación da
árbore, e iso é loable. Pero a historia de Pontedeume está chea de
desastres desta categoría, e na súas mans está a responsabilidade
de deixar continuar esta desfeita ou de artellar políticas que poñan
en valor o pouco que queda do patrimonio local.
Por
parte da Xunta de Galicia, non podemos por menos que esixir o cese
e/ou a dimisión dos responsables da conservación do Patrimonio
galego pola súa manifesta incompetencia. Nun país normal este
asunto sería un escándalo que faría rodar cabezas, aquí non é
máis que unha pequena noticia local de verán sen máis
transcendencia, pero algo está a cambiar e a indignación cidadá
que o maltrato ao patrimonio xera queda patente a través da acción
en asociacións como Ardóbriga.