O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




jueves, 12 de noviembre de 2015

COLABORAMOS CO GALP

Estas últimas semanas estamos participando dous membros de Ardóbriga en representación da nosa asociación nunha serie  de reunións do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte (GALP) que se estiveron a celebrar na Casa do Pescador de Miño.

Reunión do grupo de traballo sobre Patrimonio Medioambiental e cultural (26-10-15)

Estas reunións tiñan por obxecto colaborar no Plan Estratéxico de Desenvolvemento Local, como entidade participativa de cara ao vindeiro período FEMP (2014-2020). A nosa aportación, sempre cun sentido patrimonialista, vai encamiñada a lograr que o traballo que veñen realizando os ardóbrigos Víctor Garabana e Ramón Infante de recompilación da microtoponimia costeira do Golfo Ártabro poida ser rematado e debidamente posto en valor. 

Presentación do Plan Estratéxico (11-11-15)


A estrutura organizativa, os medios e o financiamento do GALP poden ser de gran valor tamén para desenvolver outros proxectos que temos en curso, polo que ímos presentar a nosa solicitude de adhesión ao Grupo como nos pediron.

A estas reunións asistiron representantes dos concello do Sector, das confrarías de pascadores e mariscadores, representantes da empresa privada e de asociacións culturais e ecoloxístas. os organizadores teñen especial empeño na participación das entidades asociativas, de maneira que se coñecedes grupos interesados en participar que contacten a través de

galpgolfoartabronorte@gmail.com