Entre o grupo non había persoas especializadas en gravados prehístóricos, pero a maioría eramos coñecedores da Historia da Arte con certa experiencia no tema por ter visitado numerosas estacións de gravados rupestres en diferentes zonas de Galicia e mesmo con coñecemento dos procesos técnicos da cantería e da talla en pedra. Observamos as pedras e analizamos diferentes aspectos das mesmas:
1. AS PEDRAS:
Trátase de dous bloques de granito de forma cadrangular irregular de aproximadamente un metro de longo por uns 80 cm de ancho e uns 20 de grosor. As pedras están en bruto e presentan aristas que carentes de erosión que revelan unha extracción de canteira relativamente recente (non hai máis que comparalas coas pedras veciñas procedentes de A Ínsua de non máis 500 ou 600 anos de antigüidade). Non é frecuente, ademais, que este tipo de gravados aparezan sobre pedras destas características.
![]() |
Pedra nº 2 |
![]() |
Pedra nº 1 |
2. A ICONOGRAFÍA:
Na pedra que chamaremos nº 1 hai dúas formas xeométricas, unha delas é unha espiral atravesada por unha liña rematada nos extremos polo que pode interpretarse como puntas de frecha contrapostas, o outro deseño consiste nun tríscele formado por tres estreitas medias lúas que lembran follas de fouciño cunhas cazoliñas intercaladas nos tres hocos. Os temas da espiral e o tríscele son frecuentes na iconografía dos pobos célticos, é de todos coñecido, pero os aspectos formais con que aparecen aquí son certamente innovadores e non se parecen estilísticamente a ningunha que teñamos visto antes en museos ou publicacións.
Na pedra que chamaremos nº2 pódense ver tres imaxes: unha figura animal (acaso unha cerva?), unha figura humana moi esquemática e co que podería ser un arco na súa man dereita e un conxunto de liñas formando unha especie de espiña de peixe o de árbore sen follas. Son motivos frecuentes na iconografía dos petroglifos da Idade do Bronce, pero estes adoitan aparecer sobre afloramentos de rocha natural (de aí a denominación de arte rupestre) e non sobre fragmentos de pedra extraídos de canteira. Ademais o aspecto do "arqueiro" lembra máis ao monicaco feito por un neno que aos cazadores ou guerreiros que se poden ver, por exemplo, en Campolameiro.
3. A TÉCNICA:
A técnica empregada é lixeiramente diferente nas dúas pedras. Nos dous casos empregáronse procedementos de talla indirecta cunha ferramenta punzante (punteiro) na pedra nº 2 e cunha ferramenta de corte (cicel ou mesmo mediacana) que deixou claras pegadas nas puntas dos brazos do tríscele na nº 1, as cazoliñas desta foron feitas cun instrumento de corte xiratorio (taladro ou trépano) inexistente na prehistoria e as pegadas pódense notar tanto á vista como ao tacto.
CONCLUSIÓNS:
Á espera do dictame do experto de patrimonio, todo parece indicar que as formas talladas nas dúas pedras son de factura moderna. Ademais, no contexto da visita puidemos saber que nos días anteriores as pedras foron analisadas por Juan Sobrino e por membros do Grupo Arqueolóxico Terra de Trasancos coincidindo a súa opinión coa nosa.