Materiais da Vila romana de Centroña. |
Logo da escavación de Luengo non volveu haber intervencións coñecidas na Vila de Centroña, pero si temos constancia por veciños dos arredores do achado de materiais como restos de mosaico na cala inmediatamente inferior chamada O Cerrulo (aínda que algúns recentemente teñan a teima de cabiarlle o nome polo de Jajuai).
![]() |
Calas de Centroña e O Cerrulo |
O pasado sábado 10 de setembro un grupo de ardóbrigos, dirixidos polo noso particular guía local Gonzalo (e desde xa ardóbrigo de honor) dirixímonos ao lugar de O Cerrulo en busca do que puidese quedar da Vila romana de Centroña.
O borde litoral da parroquia de Centroña está formado por un acantilado de mediana altura (pouco máis de 15 ou 20 metros de altura) de rocha de lousa e xabre moi alterada e traballada ano tras ano por mareas e correntes que a van desfacendo de maneira ben visible. O límite entre as terras de cultivo e a ría está inzado por unha franxa de mesta fraga de castiñeiros, salgueiros e loureiros que van caendo ao mar a medida que este socava a inestable terra que a sostén. Por este terreo, certamente perigos, tivemos que adentrarnos para poder chegar ao pouco que queda hoxe en día da Vila romana.
![]() |
Os acantilados están moi erosionados |
![]() |
Os restos que atopamos estaban cubertos pola hedra |
Levabamos unha copia do plano levantado no seu día por J.M. Luengo, e despois de darlle moitas volta concluímos que se trataba dos mesmos muros da parte sur que aparecen no plano. Despistou moito o feito de que non queda absolutamente nada dos fragmentos de muro que había ao norte, pero é que realmente os axentes erosivos traballan con moita intensidade nesa parte da costa. O realmente sorprendente é que os restos atopados non parecen tan deteriorados despois de 66 anos de exposición ás inclemencias se os comparamos coas fotos da escavación que publicamos.
![]() |
Plano do xacemento levantado por J.M. Luengo en 1950 |
![]() |
Fotos da escavación, Museo Arqueolóxico de A Coruña. |
Agora toca reflexionar sobre a necesidade dunha nova intervención que de seguro sacaría á luz máis elementos materiais que puideran contribuir ao mellor coñecemento do noso pasado.