O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscientes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.

venres, 1 de febreiro de 2013

17-01-13 CHARLA NA ASOCIACIÓN DE AMAS DE CASA DE PONTEDEUME


O pasado 17 de xaneiro tivemos a honra de ser invitados a dar unha charla no coqueto local dos sótanos do convento de Santo Agostiño da Asociación de Amas de Casa de Pontedeume, sociedade pioneira dentro do asociacionismo eumés. A charla foi sobre O Patrimonio Arqueolóxico no litoral eumés e foi seguido con moita atención e interese por un auditorio case cheo, malia facer unha tarde de intensa choiva. 



No transcorrer da charla foron xurdindo intervencións espontáneas nas que aboiaba ese saber popular que atesouran os nosos (non tan) maiores. Así, comentáronse tradicións como a que dí que os naturais da aldea de Castrelo son coñecidos como Os do Reiniño de Dios ou novas informacións sobre microtoponimia da parroquia de Andrade. Pero o mellor foi o agasallo en forma de lote de doces típicos eumeses que nos fixeron aos dous representantes de Ardóbriga que fomos dar a charla. Moitas grazas.

15-12-12 POLAFÍA EN PONTEDEUME

A Asociación de Escritoras e escritores en Lingua Galega ven desenvolvendo dende hai tempo unhas interesantes actividades consistentes en coordenarse con asociacións e colectivos de diferentes localidades de Galicia para convocar a unhas reunións, chamadas Polafías, a persoas coñecedoras do Patrimonio Inmaterial (lendas, contos, oficios, música, memoria histórica...). A intención é ofrecerlles un soporte audiovisual que permita o rexistro e a difusión universal na Rede co fin de conservar e transmitir esa parte do Patrimonio Cultural tan necesaria de protección.

Desta vez, a Polafía en Pontedeume realizouse en coordenación con varios colectivos locais entre os que figuraba a nosa Asociación Cultural Ardóbriga que colaborou coa intervención da vicepresidenta Carola Macedo Cordal con dúas disertacións:  Historia dos alcumes en Pontedeume e Historia dos curtidores en Pontedeume. Ademáis tamén colaborou o ardóbrigo Manuel Domínguez Ferro cunha sobre A memoria dos fuxidos nas Terras do Eume. Todas elas do xénero da Historia Oral.

luns, 28 de xaneiro de 2013

07-12-12 CHARLA DE ANTÓN MALDE

A información sobre actividades relacionadas co Patrimonio que nos intercambiamos as distintas asociacións que temos interese na súa conservación sempre acaba por dar bos froitos. Tal foi o que aconteceu cunha nota informativa enviada polos compañeiros da Asociación Libre de Paderne Roxín Roxal que nos daba conta dunha actividade organizada polo grupo de Investigación do Castro de As Travesas en colaboración coa concellería de Cultura do concello de Carral. A actividade consistía nunha charla-mostra sobre a actuación arqueolóxica nese castro a cargo do responsable da mesma Antón Malde. Un grupo de ardóbrigos nos interesamos en asistir á actividade e contactamos coa concellería de Cultura de Carral para concertar data e hora. Como non parecía haber unha data axeitada, Malde acabou por ofrecerse a achegarse ata Pontedeume acompañado pola tamén arqueóloga Elisa Amigo para ofrecernos a charla en Pontedeume, o que dende aquí lles agradecemos moito.



A charla tivo lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Pontedeume, no antigo convento dos agostiños e asistiu un nutrido grupo de afeccionados á arqueoloxía, non todos membros de Ardóbriga, entre os que había unha representación da corporación municipal encabezada polo alcalde Gabriel Torrente.


Antón Malde relatou as circunstancias que levaron á intervención arqueolóxica no castro e o papel fundamental que supuxo a iniciativa municipal como promotor e comprador dos terreos. Está claro que a sensibilidade dos políticos é fundamental para desenvolver proxectos de estudo e posta en valor de unidades patrimoniais de caracter emblemático, como sería o noso castro de Castrelo. No caso de As Travesas, Malde resaltou a súa importancia dentro do contexto das redes viarias da tardo-antigüidade.






mércores, 16 de xaneiro de 2013

AS LÁPIDAS DO CASTRO DE A INSUA

Como xa dimos conta noutra entrada deste blog, un dos indicios que nos levaron a promover a actuación arqueolóxica no castro de A Insua, na parroquia de Boebre (Pontedeume) foron as tres lápidas atopadas accidentalmente nas obras de ancheamento da pista que chega ao chamado coto de Lago ou de A Insua e que se atopaban no xardín dos propietarios do terreo onde apareceran. Naquela actuación tamén atopáramos, entre outras cousas, unha lápida de granito cunha cruz de Malta. Ardóbriga xestionou co Concello de Pontedeume o traslado das catro pezas ao xardín da Casa da Cultura municipal.


No pasado mes de decembro comezamos os traballos de rexistro e calco dos gravados e dos relevos de cada unha das pedras. A nosa intención é elaborar un completo informe para que o concello solicite a Patrimonio o depósito provisional en situación de exposición permanente en dependencias municipais de Pontedeume das lápidas e que poidamos disfrutar delas como parte que son do patrimonio local.


venres, 11 de xaneiro de 2013

1912-2012 CENTENARIO DO TORQUES DE CENTROÑA


ENTREVISTA CON Dª ANA MARÍA LEIRA


O pasado 24 de xullo un grupo de investigadores de Ardóbriga achegámonos á aldea de Castrelo, en Centroña, para manter unha entrevista con Dª Ana María Leira Fernández neta de Juan Leira Leira, o labrego que atopou o torques cando sachaba nas patacas no cercano lugar de A Casavella. O seu neto Moncho foi o que nos facilitou o contacto e nos amosou amablemente a leira (hoxe a monte) onde o seu visabó fixera o casual achado que estes días celebramos. Sorprendeunos comprobar que o lugar quedaba fora do recinto do castro, aínda que sí nas súas proximidades.

Dª Ana María contounos moitas historias da súa familia, pero non poido informar da data exacta do acontecemento. O que sí quedou para a memoria familiar foi o que pagaron polo torques: "100 pesos deron por el", dixo. Normal que unha cifra tan elevada para unha familia humilde quedara para o redordo de varias xeracións.

Estado actual da leira de A Casavella

domingo, 23 de setembro de 2012

1912-2012: CEN ANOS DO TORQUES DE CENTROÑA

NESTE MES DE SETEMBRO CÚMPRENSE OS CEN ANOS

Hai agora cen anos que saíu da terra o Torques de Centroña de mans do labrego Juan Leira cando sachaba nas patacas na súa finca chamada Casavella do lugar de Castrelo, moi perto do castro que leva ese mesmo nome. A noticia trascendeu á prensa local nun artigo publicado no semanario eumés Ecos del Eume o día 12 de setembro de 1912, pero xa pasaran alomenos dúas semanas do suceso. Foi nun día indeterminado entre o 8 e o 15 deste mes, aínda que máis probable entre o 12 e o 15, xa que pola proximidade das festas patronais de Pontedeume que rematan o 11, e daquela eran tan populares como agora, non sería doado atopar persoal para ir ás patacas.
En Ardóbriga estamos preparando unhas actividades para conmemorar  este evento. De elas xa temos feito a excursión a Lugo. En canto á marcha sendeirista que pensabamos facer, non se fixo por culpa da desafortunada intromisión da concelleira de Pontedeume Dª Ascensión e da que xa demos conta neste mesmo blog. Do resto das actividades que dicía estaba a organizar o concello e que en realidade tentabamos de organizar nós, veremos cales acadamos de levar adiante. As circunstancias dalgúns dos nosos colaboradores son certamente adversas, pero non duvidedes que algunha delas farémolas, malia que oscuros persoaxes arribistas traten de sacar tallada do traballo alleo.


venres, 3 de agosto de 2012

1912-2012: CEN ANOS DO TORQUES DE CENTROÑA


EXCURSIÓN A VILADONGA E LUGO



Como xa anunciáramos o día 28 de xullo fixemos unha excursión organizada conxuntamente entre Ardóbriga e a Asociación de Veciños de Centroña. O obxectivo da excursión era, por un lado ofrecer aos asistentes a posibilidade de observar de primeira man un castro semellante ao de Centroña posto en valor, xestionado e explotado de maneira exemplar. Por outro lado tamén tiñamos especial interese en amosar aos veciños de Centroña o torques que deu fama a súa parroquia.


Para seres datas nas que moita xente sae de vacacións e non faltan as ofertas de ocio de todas as clases, a convocatoria foi seguida por 26 persoas nas que destacaba un animoso grupo de mulleres de Centroña que quedaron sorprendidas polo castro de Viladonga e polo descubrimento de que moi perto das súas casas teñen outro de grandes dimensións (6,3 ha.) e con maior potencial de explotación turística-cultural gracias á súa inmellorable situación de dominio visual do Golfo Ártabro.


A visita ao Museo Provincial de Lugo foi máis breve do que quixéramos debido ao retraso que acumulamos por mor do tráfico do casco urbán. Malia este detalle, a guía do museo ofreceunos unha rápida visita comentada na que puidemos ver as principais instalacións do museo e, principalmente, a magnífica colección de ourivería prerromana depositada nel na que se inclúe o Torques de Centroña que figura no logo de Ardóbriga e na que destaca tamén pola súa espectacularidade o Torques de Burela e o Carneiro Alado, xoias senlleiras da ourivería antiga de Galicia.


Pola tarde mellorou o tempo que estivera algo desapacible e poidemos dar un agradable paseo polas Murallas Romanas de Lugo antes de regresar a Pontedeume.