O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




martes, 12 de febrero de 2013

26-01-13 ENTREVISTA EN CUAC FM

O pasado 26 de xaneiro fomos invitados a o programa O que ti queiras de CUAC FM, copresentado por Gabriel Triana e Carla Merayo. CUAC FM é unha emisora de radio comunitaria que emite dende o ano 1996 na Coruña no 104.3 do dial.

CUAC FM
 
O que ti queiras é un programa magazine que aborda distintos temas culturais en compañía do invitado do día, ademais tamén inclúe textos narrativos e moi boa música. Emítese os sábados ás 15:00.
Desta vez acodimos á invitación Antón Prego, presidente de Ardóbriga, e Fidel Méndez, arqueólogo colaborador habitual da nosa asociación. Alí puidemos falar largamente sobre as nosas aspiracións de cara á protección do Patrimonio de Pontedeume e Miño, das actividades que levamos feito e das que proxectamos para o futuro. Fidel Méndez falou da súa profesión ao longo de 25 anos de experiencia, dalgúns dos seus principais traballos e das colaboracións con Ardóbriga, en especial a intervención no castro de A Ínsua.
Pero non todo foi charla, tamén houbo boa música e unha fermosa lectura realizada por Gabi Triana dunha nova versión da Lenda dos Cainceiros de Boebre, escrita por Antón Prego especialmente para esta ocasión.
Se queres escoitar o programa completo preme AQUÍ


lunes, 11 de febrero de 2013

ACHADO DOUTRA LÁPIDA EN PONTEDEUME

Foi no mes de decembro, pero non o quixemos publicar antes de que viñesen a vela os inspectores de Patrimonio. O concelleiro de obras avisounos do achado feito por un grupo de persoas que realizaban traballos de limpeza nunha finca propiedade do concello de Pontedeume situada na parroquia de Centroña e coñecida polo nome de O Matadeiro, xa que alí edificouse nos anos 70 un edificio destinado a matadoiro municipal e que nunca chegou a desempeñar tal cometido. 
A finca atopábase en estado de total abandono, con moita maleza e non pouco lixo. O edificio, nunca totalmente rematado, non chega á ruína pero pouco lle falta. Ademais, é moi probable que sexa ilegal xa que está dentro dos terreos de protección de costas.
Pero o que nos interesa agora é falar do achado que fixeron as persoas que foron limpar as instalacións. No interior do edificio, e sen amosar sinais que delataran a súa procedencia, atoparon unha peza rectangular de granito de gran fino de aproximadamente 150x50 cm. cunha cara traballada con maestría co que sen dubida é unha inscrición funeraria. A lápida ten gravado un texto no seu canto con letras de tipo latino en baixo relevo, pero está tan deteriorado que resultou moi dificil de descifrar nunha primeira vista.


Pero o máis interesante é o escudo da parte frontal que contén, na súa parte superior, unha cartela coa palabra latina MEMENTO e na inferior unha calaveira en tres cuartos con dous fémures fragmentados cruzados por detrás.



Os técnicos de Patrimonio que viñeron recoñecer o achado situaron cronolóxicamente esta lápida na Idade Media, pero expertos de Ardóbriga en Historia e en Arte opinamos que pola forma en pel de touro ou de casulla do escudo, a disposición en tres cuartos do cranio, a precisión anatómica dos fémures e o tema do epígrafe, non pode ser anterior ao século XVI.
A lápida atópase agora depositada no xardín da Casa da Cultura de Pontedeume, xunto coas encontradas na Ínsua e trasladadas no 2011 por Ardóbriga e a incluiremos no estudo e calco que estamos a facer de todas elas.

viernes, 1 de febrero de 2013

17-01-13 CHARLA NA ASOCIACIÓN DE AMAS DE CASA DE PONTEDEUME


O pasado 17 de xaneiro tivemos a honra de ser invitados a dar unha charla no coqueto local dos sótanos do convento de Santo Agostiño da Asociación de Amas de Casa de Pontedeume, sociedade pioneira dentro do asociacionismo eumés. A charla foi sobre O Patrimonio Arqueolóxico no litoral eumés e foi seguido con moita atención e interese por un auditorio case cheo, malia facer unha tarde de intensa choiva. 



No transcorrer da charla foron xurdindo intervencións espontáneas nas que aboiaba ese saber popular que atesouran os nosos (non tan) maiores. Así, comentáronse tradicións como a que dí que os naturais da aldea de Castrelo son coñecidos como Os do Reiniño de Dios ou novas informacións sobre microtoponimia da parroquia de Andrade. Pero o mellor foi o agasallo en forma de lote de doces típicos eumeses que nos fixeron aos dous representantes de Ardóbriga que fomos dar a charla. Moitas grazas.

15-12-12 POLAFÍA EN PONTEDEUME

A Asociación de Escritoras e escritores en Lingua Galega ven desenvolvendo dende hai tempo unhas interesantes actividades consistentes en coordenarse con asociacións e colectivos de diferentes localidades de Galicia para convocar a unhas reunións, chamadas Polafías, a persoas coñecedoras do Patrimonio Inmaterial (lendas, contos, oficios, música, memoria histórica...). A intención é ofrecerlles un soporte audiovisual que permita o rexistro e a difusión universal na Rede co fin de conservar e transmitir esa parte do Patrimonio Cultural tan necesaria de protección.

Desta vez, a Polafía en Pontedeume realizouse en coordenación con varios colectivos locais entre os que figuraba a nosa Asociación Cultural Ardóbriga que colaborou coa intervención da vicepresidenta Carola Macedo Cordal con dúas disertacións:  Historia dos alcumes en Pontedeume e Historia dos curtidores en Pontedeume. Ademáis tamén colaborou o ardóbrigo Manuel Domínguez Ferro cunha sobre A memoria dos fuxidos nas Terras do Eume. Todas elas do xénero da Historia Oral.