O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




martes, 8 de julio de 2014

CLASIFICACIÓN E SIGLADO DOS MATERIAIS DE A ÍNSUA

Por fin, tres anos despois de rematar a intervención arqueilóxica no castro de A Ínsua en Boebre (Pontedeume), poidemos continuar cos traballos de siglado e clasificación dos materiais atopados no xacemento. A subvención da Deputación provincial de A Coruña do ano 2013 financia parte dos gastos correspondentes a estes traballos e máis á datación dos restos humanos máis antigos aparecidos na derradeira xornada de escavación en outubro de 2011






O porqué do retraso na conclusión destes labores témola na prohibición de solicitar a subvención do 2012 para un proxecto do ano anterior, co que non poidemos facelo ata o ano 2013. Ademáis a Deputación leva un ano de retraso, por causas que descoñecemos, na concesión e pago das súas subvencións.

Estes traballos son financiados pola Deputación de A Coruña