O percorrido comezou coma sempre co traslado en autobús dos alumnos de 1º eso do CPI Castro Baxoi en Miño ata o cumio do monte Breamo, pasando polo val do Xarío (hoxe urbanización pantasma de Costa Miño Golf) onde informamos dos traballos arqueolóxicos que se fixeron cando as obras de urbanización, dos achados que apareceron e da posible relación destes co santuario do Breamo. Puidemos ver, e os nenos tamén, que o concello desta vez ocupouse do desbroce do recinto das dúas mámoas conservadas a carón da entrada ao clube de golf, só que se fixo con tanta intensidade que o tractor esnaquizou os paneis informativos das mesmas e que debían estar ocultos entre os toxos.
No adro da capela de San Miguel |
Xa no adro da capela de San Miguel comenzamos a relatar aos nenos as características deste santuario de orixe precristiá, a súa importancia relixiosa e social na actualidade e os seus valores artísticos e patrimoniais como monumento declarado BIC, incidindo no significado deste termo para a protección do Patrimonio Cultural da comarca.
Os nenos do Castro Baxoi |
Ao remate desta etapa continuamos baixando do monte polo castro de Castrelo ata chegar ao de A Ínsua para, dende alí, continuar camiñando de volta a Miño. Os rapaces e as rapazas de 1º eso A e B prestaron moita atención ás explicacións e participaron con preguntas nas que amosaron o seu interese e curiosidade.
Vaia dende aquí o noso agradecemento por seren tan marabilloso e atento auditorio. Un bico a todos!