O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




lunes, 23 de mayo de 2016

CHARLA NA AVV OS CASTROS DE CENTROÑA

O pasado día 13 de maio fixemos unha nova actividade de divulgación. Desta vez foi por invitación da Asociación de Veciños Os Castros de Centroña, no seu local da antiga escola unitaria da parroquia ante un público atento e participativo xa que íamos falar do patrimonio cultural da súa parroquia que eles saben que é de moita riqueza. 

Non era esta a primeira ocasión en que realizabamos actividades en conxunto ámbalas dúas asociacións, en xullo de 2012 e con motivo do centenario do achado do Torques de Centroña organizamos unha excursión conxunta ao castro de Viladonga e, especialmente, ao Museo Provincial de Lugo onde puidemos ver na súa vitrina blindada o famoso torques atopado nunha leira próxima ao castro de Castrelo.



Preparamos a charla a conciencia, xa que tíñamos especial interese en que os veciños de Centroña foran conscientes do importante patrimonio arqueolóxico que agochan as súas terras. Así, tras unha breve presentación da asociación, dedicada a quen aínda non nos coñecía, pasamos a describir esa riqueza arqueolóxica de Centroña seguindo unha traxectoria diacrónica documentada cos datos máis recentes sobre a cultura do pobo galaico en xeral e ártabro en particular, facendo especial fincapé na contextualización histórica e territorial do xacemento de Castrelo, da súa relación co pobo ártabro dos prucios e co santuario pre-cristián de Breamo. Tamén falamos da importancia da vila romana de Centroña, no lugar que aquí coñecen como O Cerrulo, dentro do sistema de relacións comerciais que caracterizaron os momentos de dominación romana.




Seguidamente pasamos a informar da situación legal deste patrimonio, xa que moitos dos asistentes, ou persoas ben achegadas a eles, teñen propiedades afectadas por estes xacementos. Procuramos insistir na importancia da súa protección, avalada por lexislación de todos os niveis, desde convenios internacionais ata o nivel básico de concreción lexislativa patrimonial que figura no PXOM que pronto será aprobado definitivamente.




Finalmente ofrecimos aos veciños e veciñas asistentes ao acto unha serie de alternativas de uso e posta en valor do castro de Castrelo a través de varios exemplos. Desde iniciativas de carácter institucional con participación cidadá ás privadas como a campaña dun coñecido medio de comunicación para a declaración BIC do castro de Baroña ou a iniciativa veciñal de Castrolandín con recuperación de tradicións esquecidas incluída. En todo caso insistimos na necesidade de buscarlle un uso social que beneficiase a toda a veciñanza e aconsellando aos propietarios que negociasen algún modo de cesión de uso ou da propiedade co concello para dar saída viable a unhas propiedades en terrreno arqueolóxico de moi escaso valor comercial e moi alto valor comunitario.

martes, 17 de mayo de 2016

ACTIVIDADES CO IES BREAMO

Un ano máis volvemos realizar esta interesante actividade de divulgación en colaboración co profesor Víctor Mateo que imparte as materias de Antropoloxía e Filosofía no IES Breamo de Pontedeume. A actividade que propoñemos dende Ardóbriga para a materia de Antropoloxía de 1º de bacharelato consiste dúas partes:
A primeira, desenvolvida o venres día 6 de maio consistiu nunha charla na aula na que fixemos unha presentación da nosa asociación, dos nosos obxectivos e actividades. Despois fixemos un relato da intervención arqueolóxica no castro de A Ínsua no 2011 no que os rapaces puideron ver algúns dos achados da mesma como tégula, latericio e pequenos anacos de cerámica.



A segunda, realizada o mércores 11 do mesmo mes de maio, consistiu nunha excursión guiada co seguinte itinerario: 

Saimos do instituto pasadas as 8:30 en autobús cara o monte Breamo. Por motivos de maniobrabilidade do coche quedamos á altura do cruce coa estrada que sube de Sambollo, pasado o mirador, pero antes fumos facendo paradiñas sen baixar do bus para contemplar as paisaxes arqueolóxicas que se poden contemplar na ruta de subida. Unha vez no cumio, e a carón da capela románica dimos un repaso aos principais elementos antropolóxicos que caracterizan ao Breamo como montaña sagrada. 




Despois emprendimos o descenso do monte polo lado oeste que nos levou ao castro de Castrelo, que tamén comentamos, pero que estaba impracticable pola maleza e a moita auga caída nos días anteriores.




Por último, e depois de facer escala técnica no forno e na taberna de Boebre, baixamos ata a punta Carboeira onde fixéramos as sondaxes arqueolóxicas valorativas no 2011 que os rapaces xa coñecían pola charla do día 6 no instituto. O autobús recolleunos na recta, preto da igrexa parroquial.