O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




martes, 28 de junio de 2016

ACTIVIDADE DE DIVULGACIÓN CO CPI CASTRO BAXOI DE MIÑO

Foi o pasado día 22 de xuño e como actividade de peche do curso para os alumnos e alumnas de 1º de ESO do CPI Castro Castro Baxoi de Miño, a excursión que eles tanto demandaron ao longo do curso por fin realizada. Hai que agradecer moito aos 36 rapaces e rapazas que asistiron á actividade, xa que o día anterior fixeran unha intensa excursión á Barbanza que durou todo o día baixo unha calor en ocasións dificilmente sosportable, por iso é comprensible que un pequeno grupo quedara na casa. Tamén é moi de agradecer a colaboración das tres profes acompañantes (Begoña, Elvira e Chus), sen a súa atención aos nenos o profe de Plástica, actuando tal día como monitor-guía de Ardóbriga, non daría feito con tanto choio.



A excursión iniciouse á 9:30 coa saída en bus do cole. A primeira parada fixémola na urbanización Costa Miño Golf, onde explicamos sen baixar do bus os restos neolíticos que aínda se conservan (dúas mámoas) e o que foi destruído para facer a urbanización pantasma (unha gran mámoa e máis os restos dun poboado da mesma época).



Continuamos o itinerario cara ao Breamo subindo pola estrada que vai dende o lugar de O Barro (Vilar, Pontedeume). Á altura do lugar de Vista Alegre fixemos outra parada para contemplar polos portelos do bus a panorama da desembocadura do Eume e a paisaxe arqueolóxica que dende alí podemos apreciar: castros de monte Casto, As Modias e río Castro en Cabanas e de Nogueirosa, Ombre e Aurela e Pontedeume.



O bus deixounos no cruce coa estrada que vaixa a Sambollo, así que subimos a pé o treito máis empinado. Unha vez no cumio explicámos aos rapaces as particularidades do Breamo como montaña sagrada e a súa existencia como santuario dende tempos moi remotos, as súas implicacións territoriais na época pre-romana e o seu cristianamento e consagración á San Miguel na Idade Media, así como o interese folclórico, turístico e patrimonial de todo o entorno e da grave alteración destes valores que provocan o cultivo intensivo do eucalipto.



Iniciamos despois o descenso a pé con parada e visita ao castro de Castrelo. O lugar estaba impracticable, pero non para o grupo máis atrevido de alumnos do cole de Miño que, precedidos e guiados polo seu profe de Plástica, conseguiron completar unha circunvalación da croa con algún que outro rabuñazo das silvas. Toda unha aventura que lles quedará gravada como aos seus compañeiros de anos anteriores.

O estado selvático do castro retrasounos o programa de visitas que tiñamos previsto e non puidemos ver o de A Ínsua, xa en Boebre. Así que atallamos polas nova beirarrúas da estrada costeira ata o lugar de recollida no cruce de Perbes, non sen antes facer a xa tradicional "parada e magueirazo de refresco" na casa do profe na Arbosa. Chegamos de volta ao cole con tempo de repoñernos antes de que saíra o transporte escolar, os nenos amosaron agradecidos o seu contento. Un encanto de nenos!!! MOITAS GRAZAS A TODOS.

viernes, 3 de junio de 2016

PXOM DE PONTEDEUME: QUEDA MOITO POR FACER

O pasado venres día 27 de maio foi unha data que quedara para a historia en Pontedeume: aprobouse definitivamente o tan esperado Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) tras moitos anos de espera.

Unha vez feitas as felicitacións de rigor a toda a cidadanía eumesa toca un momento de reflexión. Este documento suponse un instrumento de apoio e referencia para o ordenamento urbano, para a regulación do crecemento dos núcleos que compoñen o concello e máis para a protección do seu tan rico como depauperado patrimonio histórico, cultural e paisaxístico.

Dada a amplitude do ámbito de regulación do PXOM é fácil que haxa descontentos, disconformes e cabreados. Sen embargo, a necesidade dunha regulación actualizada á lexislación creo que era admitida por todos, o que difícilmente xustifica tan dilatado retraso na súa aprobación se non é en termos de intereses bastardos e de politiqueos de mediopelo ou de manifesta incompetencia.




Pero que ninguén se chame a ilusións! Se nos tempos das normas subsidiarias non había vixiancia do seu cumprimento e reinaba o "ti vai facendo..." e o interese duns poucos por dar "pelotazos" o que levou á destrucción de boa parte do patrimonio arquitectónico histórico da vila, a agresións diversas a xacementos arqueolóxicos e a un dos nosos principais activos económicos como é a paisaxe, qué nos pode facer pensar que de agora en adiante todo vai ser diferente?

Lexislación e normativa de todos os rangos, dende convenios internacionais a plans urbanísticos pasando pola Constitución e o Estatuto de Autonomía, son incumpridas por que ten a obriga de aplicalas . Se as agresións ao Patrimonio e á Paisaxe quedan impunes, se non se artella un sistema eficiente de policía e sanción con tolerancia 0, se derrubar un edificio catalogado ou levantar dúas plantas de máis resulta gratuíto e mesmo sales gañando, por poñer algún dos moitos exemplos posibles que levaron a este concello a situación de extrema alerta na que está, en definitiva, se non hai control isto é un descontrol total, dinamitaremos o longo pasado da vila e quedaremos sen futuro.




É preciso un labor intenso de concienciación cidadá, de educación e civismo, un cambio de paradigma que faga recoñecer á xente que o modelo urbanístico extensivo e intensivo só conduce á ruína, o abandono de obras, ao paro; que non é un camiño eficaz para crear emprego. Un casco vello limpo, vivo e activo, un Camiño de Santiago en condicións presentables, unhas praias con augas e areas limpas, uns montes xestionados con criterios de sustentabilidade evitando especies foráneas invasivas,  un patrimonio arqueolóxico posto en valor e visitable. Todo isto, acompañado dalgunhas cousas máis como a mellora das comunicacións ferroviarias, xeraría calidade de vida e atraería xente á vivir na comarca reactivando a economía local e redundando no ben común. Aquí temos responsabilidade todos.