O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscientes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.

sábado, 21 de xuño de 2014

ACTIVIDADE DE DIVULGACIÓN CO CPI "CASTRO BAXOI"

Desta volta tivemos mellor sorte co tempo que do ano pasado e máis coa dos alumnos do IES Breamo: o día estivo estupendo e mesmo pasamos algunha calor moi de agradecer despois dun longo inverno.
O percorrido comezou coma sempre co traslado en autobús dos alumnos de 1º eso do CPI Castro Baxoi en Miño ata o cumio do monte Breamo, pasando polo val do Xarío (hoxe urbanización pantasma de Costa Miño Golf) onde informamos dos traballos arqueolóxicos que se fixeron cando as obras de urbanización, dos achados que apareceron e da posible relación destes co santuario do Breamo. Puidemos ver, e os nenos tamén, que o concello desta vez ocupouse do desbroce do recinto das dúas mámoas conservadas a carón da entrada ao clube de golf, só que se fixo con tanta intensidade que o tractor esnaquizou os paneis informativos das mesmas e que debían estar ocultos entre os toxos.

No adro da capela de San Miguel

Xa no adro da capela de San Miguel comenzamos a relatar aos nenos as características deste santuario de orixe precristiá, a súa importancia relixiosa e social na actualidade e os seus valores artísticos  e patrimoniais como monumento declarado BIC, incidindo no significado deste termo para a protección do Patrimonio Cultural da comarca.

Os nenos do Castro Baxoi

Ao remate desta etapa continuamos baixando do monte polo castro de Castrelo ata chegar ao de A Ínsua para, dende alí, continuar camiñando de volta a Miño. Os rapaces e as rapazas de 1º eso A e B prestaron moita atención ás explicacións e participaron con preguntas nas que amosaron o seu interese e curiosidade.
Vaia dende aquí o noso agradecemento por seren tan marabilloso e atento auditorio. Un bico a todos!