O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscientes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.

venres, 24 de xullo de 2015

REQUIEM POLO TEIXO DE PONTEDEUME


A semana pasada saltaba ás páxinas da prensa galega a noticia que daba por definitivamente morto o chamado Teixo de Pontedeume ou Teixo dos Tenreiro, por pertencer orixinariamente á finca A Fábrica que os herdeiros desta familia posúen no lugar de Esteiro.






Sorprendeunos en principio o súpeto interese amosado polos medios de comunicación polo que era a crónica dunha morte anunciada. Non facía falta ser experto en Botánica para percibir as evidentes sinais de agonía con que o teixo, catalogado como árbore senlleira, non deixaba de avisar do seu (inevitable?) destino. Así pois, a noticia foi realmente a certificación de defunción outorgada polos e especialistas da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

Dende Ardóbriga levamos anos denunciando a desidia e a neglixencia que presiden as políticas de conservación do patrimonio, tanto da Xunta como do Concello. Un desastre patrimonial de semellante envergadura non se produce dun día para outro e a perda irreparable dun ben catalogado como este non tería lugar sen a neglixencia das autoridades legalmente responsables da súa conservación. Por parte do Concello, as últimas eleccións locais puxeron ao anterior equipo de goberno (coñecedorda situación da árboreno lugar que lle correspondía, pero veremos se a nova corporación cumpre coas súas obrigas ou se permite que continúe o esmorecemento do casco vello da vila de Pontedeume e o deterioro do seu patrimonio arqueolóxico, por de pronto tomou a iniciativa de solicitar o estudo que certificou a irreversible situación da árbore, e iso é loable. Pero a historia de Pontedeume está chea de desastres desta categoría, e na súas mans está a responsabilidade de deixar continuar esta desfeita ou de artellar políticas que poñan en valor o pouco que queda do patrimonio local.




Por parte da Xunta de Galicia, non podemos por menos que esixir o cese e/ou a dimisión dos responsables da conservación do Patrimonio galego pola súa manifesta incompetencia. Nun país normal este asunto sería un escándalo que faría rodar cabezas, aquí non é máis que unha pequena noticia local de verán sen máis transcendencia, pero algo está a cambiar e a indignación cidadá que o maltrato ao patrimonio xera queda patente a través da acción en asociacións como Ardóbriga.