O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscientes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.

sábado, 20 de febreiro de 2016

PRESENTACIÓN DUN NOVO LIBRO SOBRE PONTEDEUME

O compañeiro ardóbrigo e profesor de Historia do IES Breamo Juan Carlos Vázquez Arias ven de presentar un novo libro sobre Pontedeume titulado Historia del Comercio  de Pontedeume. Trátase dun exahustivo estudo da actividade comercial na Vila ao longo de máis de douscentos anos desenvolvido a través do vaciado documental do arquivo municipal e máis dun longo e laborioso traballo de campo con abundantes entrevistas a protagonistas directos, ademáis de non poucas referencias bibliográficas e hemerográficas. Este traballo ten un precedente nun artigo do mesmo autor publicado no número 21 da revista Cátedra titulado Evolución de la actividad económica de pontedeume (1963-2010) publicado no ano 2014.
A obra ten o valor entrañable e próximo do local e, sen dubida, vai ser referente para futuros estudos sobre temas tan diversos como a economía ou a xenealoxía eumesas, á vez que non carece de valores extrapolables a outras vilas galegas cabeza de comarca como Pontedeume.


Juan Carlos Váquez Arias (Foto: José Pardo)

O libro foi presentado o pasado xoves 18 de febreiro na Casa da Cultura de Pontedeume cunha intervención do editor, e tamén historiador e membro de Ardóbriga, Carlos de Castro Álvarez con quen Vázquez Arias mantén unha cercana relación de compañeiros de traballo no instituto e tamén como coautores do libro titulado La iglesia de Santiago de Pontedeume. Historia y patrimonio artístico, publicado en 2003. Tamén interveu na presentación o propio autor e máis o alcalde de Pontedeume Bernardo Fernández Piñeiro. O libro pode atoparse á venda nas librerías de Pontedeume ou a través da web da propia editorial Espino Albar..