O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscientes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.

martes, 19 de marzo de 2013

ENTREVISTA A UN ADIANTADO DA ARQUEOLOXÍA EUMESA

O pasado sábado 16 de marzo unha comisión de tres ardóbrigos desplazámonos ata A Coruña para falar coa persoa que fixo a primeira prospección arqueolóxica no xacemento de A Ínsua, en Boebre. Don Gonzalo López López (Pontedeume 1939), sacerdote que foi profesor na Academia Luis Vives de Pontedeume entre 1968 e 1973.

Don Gonzalo realizou esa primeira prospección o ano 1968 ou 69 na compaña de D. Salvador Ares Espada, Dr. en Hª da Arte, e máis D. Agustín Caamaño, daquela cura párroco na de Santiago de Boebre. Os tres homes cultos e coñecedores dos achados do torques  e da Vila de Centroña e sabedores da existencia de restos romanos pola parte de Sopazos. Ademáis estaban ao tanto da antigüidade de moitos dos topónimos da contorna ártabra. 
Decidiron que había que rexistrar gráficamente eses xacementos e dispuxéronse a facer unha prospección ocular pola costa dende Pontedeume ata Boebre. Os tres planificaron unha espedición polas penas de A Macuca adiante como tres adiantados da, aínda por nacer, asociación Ardóbriga.
Atoparon restos romanos en todo o percorrido, sobradamente tégula romana e tella visigoda, ademáis de restos de paramentos pétreos, os mellor conservados os de Sopazos. A sorpresa chegou cando chegaron á punta Carboeira e, nunha leira recén traballada, atoparon unha sepultura que o arado deixara ao descuberto. Limparon os restos cunhas brochas que levaban e observaron un enterramento moi semellante ao atopado por nós na intervención do 2011: ausencia total de exoval, perímetro da foxa de chantos pétreos e orientación coa cabeza ao Oeste. Fixeron fotos e debuxos e llos entregaron a Chamoso Lamas, que daquela traballaba na restauración da igrexa de San Xoan de Vilanova en Miño, por ver se se interesaba pola xaciga e se poidese facer algo. Pero a cousa quedou ahí, o material gráfico en paradoiro descoñecido, a leira estaba plantada na seguinte excursión e non puideron ver nada máis. Ata a intervención de Don Agustín con nenos de Boebre nos anos 70, pero iso é outra historia.

luns, 4 de marzo de 2013

DÚAS NOVAS SOBRE PATRIMONIO EUMÉS

Dúas novas sobre Patrimonio eumés foron publicadas recentemente no Diario de Ferrol con quen o Concello de Pontedeume semella ter unha boa relación.
A primeira delas ten data 4 de xaneiro de 2013 e dá conta do achado da que xa podemos chamar Lápida do Matadoiro, acontecemento do que informamos neste mesmo blog. Como ocorre case sempre neste tipo de novas, a información está plagada de inexactitudes, a principal delas é cando dí que " los responsables del gobierno municipal suelen buscar la ayuda de los expertos de Patrimonio Cultural de la Xunta para que sean ellos los que analicen, valoren y documenten el hallazgo". A axuda que os responsables do goberno local buscaron foi na nosa Asociación Cultural Ardóbriga para que lles dixéramos que tiñan que facer co inesperado achado, e fomos nós os que lles recordamos que tiñan que cumprir a lei e dar parte ás autoridades de Patrimonio. E iso foi o que finalmente fixeron, as autoridades municipais de Pontedeume, despois de escoitar o noso consello, informaron a Patrimonio e informaron á prensa ninguneando, como ven sendo habitual, á Asociación Ardóbriga.
Ademáis, o Diario de Ferrol afirma que " en estos casos anteriores, tanto el lugar del hallazgo como la historia vinculada a cada una de las piezas se difunden a través de carteles informativos situados al pie de las piedras" o que é absolutamente falso. Ardóbriga está preparando a posta en valor das lápidas en dependencias municipais, na que, entre outras cousas temos previsto facer paneis con información sobre elas, pero que aínda non están feitos por estar supeditados ao resultado do estudo previo que estamos a elaborar.

A segunda das novas ten data 28 de febreiro de 2013 e informa sobre a catalogación de seis novas mámoas na parroquia eumesa de Ombre, no lugar de Gunturiz. A principal novidade desta noticia é o agradecemento que os resposables municipais adican á empresa contratada por eles para a realización do PXOM e á colaboración de veciños e propietarios. En Ardóbriga non estamos afeitos a tales consideracións.
personal del concello trabajó en la limpieza de la zona en la que fueron localizados los túmulos luis polo Pero a novidade queda ahí, xa que as mámoas en cuestión xa figuraban no catálogo do último borrador de PXOM e o único que fixo o concello foi o desbroce necesario para acceder a elas (ben se ve na foto) e así, os técnicos de Consultora Galega, poder delimitar a área de protección. O que dista moito de ser unha posta en valor, malia o que poidan decir dende o concello.
 A non ser que consideremos novidade a afirmación seguinte:  "fueron objeto de investigación a partir de las pesquisas recogidas en una publicación de origen inglés". Esta frase non carece de orixinalidade pero responde a unha inexacta interpretación dada a unha observación realizada polo técnico arqueólogo in situ. Segundo nos informou de primeira man o propio técnico da empresa que está a redactar o PXOM de Pontedeume, é que "existe un paralelo entre un dos túmulos do concello (de forma de barra alongada) e outro británico, concretamente o Chettle Long Barrow".
 Este técnico contactou con membros de Ardóbriga para que lle aclarásemos algúns puntos referentes a alegacións presentadas por nós a o citado Plan. En concreto pediron que lles indicáramos as casas do arquitrecto A. Tenreiro de O Barro e de Campolongo, ademáis do lugar exacto onde apareceu o Torques de Centroña. Un membro de Ardóbriga acompañou ao técnico o pasado mércores 27 de febreiro polos diferentes lugares que interesaban.

martes, 12 de febreiro de 2013

26-01-13 ENTREVISTA EN CUAC FM

O pasado 26 de xaneiro fomos invitados a o programa O que ti queiras de CUAC FM, copresentado por Gabriel Triana e Carla Merayo. CUAC FM é unha emisora de radio comunitaria que emite dende o ano 1996 na Coruña no 104.3 do dial.

CUAC FM
 
O que ti queiras é un programa magazine que aborda distintos temas culturais en compañía do invitado do día, ademais tamén inclúe textos narrativos e moi boa música. Emítese os sábados ás 15:00.
Desta vez acodimos á invitación Antón Prego, presidente de Ardóbriga, e Fidel Méndez, arqueólogo colaborador habitual da nosa asociación. Alí puidemos falar largamente sobre as nosas aspiracións de cara á protección do Patrimonio de Pontedeume e Miño, das actividades que levamos feito e das que proxectamos para o futuro. Fidel Méndez falou da súa profesión ao longo de 25 anos de experiencia, dalgúns dos seus principais traballos e das colaboracións con Ardóbriga, en especial a intervención no castro de A Ínsua.
Pero non todo foi charla, tamén houbo boa música e unha fermosa lectura realizada por Gabi Triana dunha nova versión da Lenda dos Cainceiros de Boebre, escrita por Antón Prego especialmente para esta ocasión.
Se queres escoitar o programa completo preme AQUÍ


luns, 11 de febreiro de 2013

ACHADO DOUTRA LÁPIDA EN PONTEDEUME

Foi no mes de decembro, pero non o quixemos publicar antes de que viñesen a vela os inspectores de Patrimonio. O concelleiro de obras avisounos do achado feito por un grupo de persoas que realizaban traballos de limpeza nunha finca propiedade do concello de Pontedeume situada na parroquia de Centroña e coñecida polo nome de O Matadeiro, xa que alí edificouse nos anos 70 un edificio destinado a matadoiro municipal e que nunca chegou a desempeñar tal cometido. 
A finca atopábase en estado de total abandono, con moita maleza e non pouco lixo. O edificio, nunca totalmente rematado, non chega á ruína pero pouco lle falta. Ademais, é moi probable que sexa ilegal xa que está dentro dos terreos de protección de costas.
Pero o que nos interesa agora é falar do achado que fixeron as persoas que foron limpar as instalacións. No interior do edificio, e sen amosar sinais que delataran a súa procedencia, atoparon unha peza rectangular de granito de gran fino de aproximadamente 150x50 cm. cunha cara traballada con maestría co que sen dubida é unha inscrición funeraria. A lápida ten gravado un texto no seu canto con letras de tipo latino en baixo relevo, pero está tan deteriorado que resultou moi dificil de descifrar nunha primeira vista.


Pero o máis interesante é o escudo da parte frontal que contén, na súa parte superior, unha cartela coa palabra latina MEMENTO e na inferior unha calaveira en tres cuartos con dous fémures fragmentados cruzados por detrás.



Os técnicos de Patrimonio que viñeron recoñecer o achado situaron cronolóxicamente esta lápida na Idade Media, pero expertos de Ardóbriga en Historia e en Arte opinamos que pola forma en pel de touro ou de casulla do escudo, a disposición en tres cuartos do cranio, a precisión anatómica dos fémures e o tema do epígrafe, non pode ser anterior ao século XVI.
A lápida atópase agora depositada no xardín da Casa da Cultura de Pontedeume, xunto coas encontradas na Ínsua e trasladadas no 2011 por Ardóbriga e a incluiremos no estudo e calco que estamos a facer de todas elas.

venres, 1 de febreiro de 2013

17-01-13 CHARLA NA ASOCIACIÓN DE AMAS DE CASA DE PONTEDEUME


O pasado 17 de xaneiro tivemos a honra de ser invitados a dar unha charla no coqueto local dos sótanos do convento de Santo Agostiño da Asociación de Amas de Casa de Pontedeume, sociedade pioneira dentro do asociacionismo eumés. A charla foi sobre O Patrimonio Arqueolóxico no litoral eumés e foi seguido con moita atención e interese por un auditorio case cheo, malia facer unha tarde de intensa choiva. 



No transcorrer da charla foron xurdindo intervencións espontáneas nas que aboiaba ese saber popular que atesouran os nosos (non tan) maiores. Así, comentáronse tradicións como a que dí que os naturais da aldea de Castrelo son coñecidos como Os do Reiniño de Dios ou novas informacións sobre microtoponimia da parroquia de Andrade. Pero o mellor foi o agasallo en forma de lote de doces típicos eumeses que nos fixeron aos dous representantes de Ardóbriga que fomos dar a charla. Moitas grazas.

15-12-12 POLAFÍA EN PONTEDEUME

A Asociación de Escritoras e escritores en Lingua Galega ven desenvolvendo dende hai tempo unhas interesantes actividades consistentes en coordenarse con asociacións e colectivos de diferentes localidades de Galicia para convocar a unhas reunións, chamadas Polafías, a persoas coñecedoras do Patrimonio Inmaterial (lendas, contos, oficios, música, memoria histórica...). A intención é ofrecerlles un soporte audiovisual que permita o rexistro e a difusión universal na Rede co fin de conservar e transmitir esa parte do Patrimonio Cultural tan necesaria de protección.

Desta vez, a Polafía en Pontedeume realizouse en coordenación con varios colectivos locais entre os que figuraba a nosa Asociación Cultural Ardóbriga que colaborou coa intervención da vicepresidenta Carola Macedo Cordal con dúas disertacións:  Historia dos alcumes en Pontedeume e Historia dos curtidores en Pontedeume. Ademáis tamén colaborou o ardóbrigo Manuel Domínguez Ferro cunha sobre A memoria dos fuxidos nas Terras do Eume. Todas elas do xénero da Historia Oral.

luns, 28 de xaneiro de 2013

07-12-12 CHARLA DE ANTÓN MALDE

A información sobre actividades relacionadas co Patrimonio que nos intercambiamos as distintas asociacións que temos interese na súa conservación sempre acaba por dar bos froitos. Tal foi o que aconteceu cunha nota informativa enviada polos compañeiros da Asociación Libre de Paderne Roxín Roxal que nos daba conta dunha actividade organizada polo grupo de Investigación do Castro de As Travesas en colaboración coa concellería de Cultura do concello de Carral. A actividade consistía nunha charla-mostra sobre a actuación arqueolóxica nese castro a cargo do responsable da mesma Antón Malde. Un grupo de ardóbrigos nos interesamos en asistir á actividade e contactamos coa concellería de Cultura de Carral para concertar data e hora. Como non parecía haber unha data axeitada, Malde acabou por ofrecerse a achegarse ata Pontedeume acompañado pola tamén arqueóloga Elisa Amigo para ofrecernos a charla en Pontedeume, o que dende aquí lles agradecemos moito.



A charla tivo lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Pontedeume, no antigo convento dos agostiños e asistiu un nutrido grupo de afeccionados á arqueoloxía, non todos membros de Ardóbriga, entre os que había unha representación da corporación municipal encabezada polo alcalde Gabriel Torrente.


Antón Malde relatou as circunstancias que levaron á intervención arqueolóxica no castro e o papel fundamental que supuxo a iniciativa municipal como promotor e comprador dos terreos. Está claro que a sensibilidade dos políticos é fundamental para desenvolver proxectos de estudo e posta en valor de unidades patrimoniais de caracter emblemático, como sería o noso castro de Castrelo. No caso de As Travesas, Malde resaltou a súa importancia dentro do contexto das redes viarias da tardo-antigüidade.