Efectivamente, despois de anos publicando notas informativas e reivindicativas en varios medios da comarca como os xornais La Opinión ou o Diario de Ferrol, e máis nalgunha emisora de radio non comercial, agora La Voz de Galicia comeza a reparar en nós e máis nas nosas actividades tras sete anos de ninguneo.
![]() |
Breamo, Castrelo e Vila romana de Centroña (Foto Prego) |
O Premio de Investigación Concello de Pontedeume, recentemente gañado polo compañeiro ardóbrigo Antón Prego, tivo un insospeitado efecto mediático, fixo saír á luz (de La Voz) unha das nosas principais reclamacións: a declaración BIC do castro de Castrelo (Centroña/Perbes). Esta consecuencia é, non por insospeitada, menos desexada, xa que en declaracións publicadas do autor do traballo premiado, o obxectivo inicial do mesmo era a divulgación e a dotación de contido histórico e patrimonial ao conxunto arqueolóxico do Breamo (santuario pre-cristián, capela románica, castro de Castrelo e vila romana de Centroña), co fin de acadar o obxectivo de declaración BIC para o conxunto. No apartado final de conclusións daquel traballo incídese explícitamente nesa petición, engadíndose ademais a proposta de inclusión do mesmo no Parque Natural das Fragas do Eume, marco paisaxístico co que está histórica e culturalmente ligado.
Por outra banda, á falta dunha entrevista cos alcaldes de Pontedeume e Miño na que tratar o tema polo miúdo, a reacción de Bernardo Fernández (Pontedeume) está a ser receptiva para as nosas propostas que percibe como positivas e beneficiosas como activo turístico que complete a oferta tradicional eumesa.