Recén caeu nas nosas mans un libro titulado EL GOLFO ÁRTABRO. Fragmentos de historia litoral y patrimonio. de varios autores e coeditado por V. Alonso, A. R. Colmenero e A. Goy, está publicado pola Universidade de A Coruña con data 2014.
Este libro consta de cinco estudos asinados por sete especialistas de prestixo en arqueoloxía, historia antiga e historia medieval co eixe temático delimitado polo litoral do Golfo Ártabro. Aporta novas visións actualizadas que contribúen ao coñecemento do patrimonio dunha rexión de significativa relevancia xa nos tempos antigos.
Non abondan as monografías que encaren a etnohistoria dos ártabros, salvo a obra de referencia OS ÁRTABROS. Estudo xeográfico e etnohistórico de F.J. González García (Ourense, 2003), para coñecer ao pobo de da nome ao noso Golfo é preciso rastrexar artigos diseminados por revistas especializadas de eido local ou museístico, acodir a actas de congresos ou revisar publicacións en diferentes linguas. Bótase en falta unha publicación divulgativa que poña todos eses coñecementos dispersos ao alcance do gran público e que sirva de fomento do interese polo patrimonio local.
Pero si unha cousa nos agradou de maneira especial deste libro foi o que atopamos na páxina 97, dentro dun extenso artigo titulado Unha viaxe á Artabria. Valoración arqueolóxica e patrimonial da franxa litoral este do golfo Ártabro asinado por Xurxo Ayán Vila e Elías López Romero, e baixo o epígrafe Un modelo exitoso: historia local e asociacionismo en Pontedeume, os autores fan un favorable recoñecemento á nosa labor como asociación Árdóbriga do que non podemos por menos que estar sentidamente agadecidos. Tamén, como veredes, se recoñece o labor da revista Cátedra, no ámbito da cal nos movemos moitos ardóbrigos e de cuxo Consello de Redacción sempre recibimos apoio e colaboración.
Esperamos dende Ardóbriga que aos autores non lles pareza mal que reproduzamos a páxina na que nos mencionan, xa que desta maneira tamén poñemos en valor o seu traballo a prol do coñecemento e protección do patrimonio. Ademais, e iso non o ímos reproducir (teredes que mercar o libro), tamén dedican un epígrafe á nosa intervención arqueolóxica do ano 2011 no castro de A Ínsua (Boebre,Pontedeume) na páxina 79.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario