O pasado día 13 de maio fixemos unha nova actividade de divulgación. Desta vez foi por invitación da Asociación de Veciños Os Castros de Centroña, no seu local da antiga escola unitaria da parroquia ante un público atento e participativo xa que íamos falar do patrimonio cultural da súa parroquia que eles saben que é de moita riqueza.
Non era esta a primeira ocasión en que realizabamos actividades en conxunto ámbalas dúas asociacións, en xullo de 2012 e con motivo do centenario do achado do Torques de Centroña organizamos unha excursión conxunta ao castro de Viladonga e, especialmente, ao Museo Provincial de Lugo onde puidemos ver na súa vitrina blindada o famoso torques atopado nunha leira próxima ao castro de Castrelo.
Preparamos a charla a conciencia, xa que tíñamos especial interese en que os veciños de Centroña foran conscientes do importante patrimonio arqueolóxico que agochan as súas terras. Así, tras unha breve presentación da asociación, dedicada a quen aínda non nos coñecía, pasamos a describir esa riqueza arqueolóxica de Centroña seguindo unha traxectoria diacrónica documentada cos datos máis recentes sobre a cultura do pobo galaico en xeral e ártabro en particular, facendo especial fincapé na contextualización histórica e territorial do xacemento de Castrelo, da súa relación co pobo ártabro dos prucios e co santuario pre-cristián de Breamo. Tamén falamos da importancia da vila romana de Centroña, no lugar que aquí coñecen como O Cerrulo, dentro do sistema de relacións comerciais que caracterizaron os momentos de dominación romana.
Seguidamente pasamos a informar da situación legal deste patrimonio, xa que moitos dos asistentes, ou persoas ben achegadas a eles, teñen propiedades afectadas por estes xacementos. Procuramos insistir na importancia da súa protección, avalada por lexislación de todos os niveis, desde convenios internacionais ata o nivel básico de concreción lexislativa patrimonial que figura no PXOM que pronto será aprobado definitivamente.
Finalmente ofrecimos aos veciños e veciñas asistentes ao acto unha serie de alternativas de uso e posta en valor do castro de Castrelo a través de varios exemplos. Desde iniciativas de carácter institucional con participación cidadá ás privadas como a campaña dun coñecido medio de comunicación para a declaración BIC do castro de Baroña ou a iniciativa veciñal de Castrolandín con recuperación de tradicións esquecidas incluída. En todo caso insistimos na necesidade de buscarlle un uso social que beneficiase a toda a veciñanza e aconsellando aos propietarios que negociasen algún modo de cesión de uso ou da propiedade co concello para dar saída viable a unhas propiedades en terrreno arqueolóxico de moi escaso valor comercial e moi alto valor comunitario.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario