O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscientes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.

xoves, 17 de decembro de 2009

OUTONO ÁRTABRO 4/12/09



O pasado día 4 de decembro presentamos o ciclo de charlas Outono Ártabro, no Centro de maiores de Pontedeume. Trátase da primeira actividade de cara ao público da asociación Ardóbriga dende a nosa asemblea constituínte hai algo máis dun ano.
Baixo o título Os castros: pegadas do pasado, oportunidades de futuro a ponente Matilde González Méndez, arqueóloga de ampla experiencia tanto no eido académico coma no profesional, falou da posta en valor de bens patrimoniais e da necesidade de mentalizar á sociedade do potencial económico que poden conter.
González comentou varios exemplos da nosa e doutras comunidades nos que diferentes obxectivos patrimoniais de tipo arqueolóxico ou etnográfico eran recuperados para a sociedade mediante determinadas actuacións que acadaban os seus obxectivos con maior ou menor fortuna. Especial detalle mereceron os comentarios da arqueóloga adicados a xacementos da Idade do Ferro e da Antigua de Galicia por seren máis próximos e mesmo obxecto da súa propia experienza profesional, cal é a actuación que aínda está a desenvolver no castro de Vigo.
A ponencia de Matilde González foi seguida con grande atención por parte dun público participativo e entusiasta que plantexou numerosas e interesantes cuestións relacionadas co patrimonio da nosa comarca. De todas elas destacaríamos as relativas as iniciativas veciñais dirixidas á protección dun determinado ben patrimonial. A experta destacou a importancia destas iniciativas para chamar a atención perante as administracións respecto dun ben en situación de risco ou sen catalogar, así como para activar un xacemento e crear un foco de interese cultural e mesmo turístico, como o caso de Castrolandín.
Queda, pois, nas nosas mans asumir esa iniciativa como xa vimos facendo dende que creamos a nosa asociación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario