O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




lunes, 2 de mayo de 2011

TOPONIMIA





Noviembre-diciembre 2010


A conservación da microtoponímia dos concellos de Miño e Pontedeume está no mesmo xermolo de Ardóbriga, xa que este foi un dos intereses comúns que nos levaron a constituirmos como asociación. Varios dos actuais membros levabamos xa un tempo recompilando nomes de lugar obtidos a partir das fontes máis diversas.
É por este motivo que dende que escomezamos a programar actividades dentro de Ardóbriga decidimos adicar parte dos nosos esforzos no cumprimento dese obxectivo fundacional creando o noso particular Proxecto Toponimia de Pontedeume e Miño. Asemade, a AAVV de Boebre, que nos cede o seu local para empregalo como sé, pedíronnos hai xa tempo axuda para normalizar os nomes dos camiños e facilitar o tránsito pola parroquia de servicios como correos ou repartos. Así pois, decidimos iniciar o proxecto polas parroquia eumesa de Boebre e pola veciña e miñesa de Perbes, das que,ademáis, xa tiñamos unha boa chea de nomes recollidos en fontes documentais.
O pasado mes de novembro Ardóbriga contacta con persoal do
SITGA (Sistema de Información Territorial de Galicia), para ofrecer a nosa colaboración voluntaria no PTG (Proxecto Toponimia de Galicia). Tras varios aprazamentos e demoras chegamos a concertar unha cita nas dependencias do SITGA coa funcionaria encargada de establecer contacto coas entidades sociais colaboradoras como Ardóbriga. A tal fin desprazamos a Santiago unha delegación da nosa asociación formada por dous membros da directiva. Alí, o técnico da empresa contratada pola Xunta transmitiunos, nun exahustivo e intenso curso preparatorio, as instruccións, consellos e materiais cartográficos e de softwhere precisos para o traballo de campo de rexistro da microtoponimia local nos formatos nos que eles traballan. Unha vez rematada esta parte do traballo, enviarémola ao SITGA para o traballo de gabinete e o sometemento a dictame pola CTG (Comisión de Toponimia de Galicia).
Mediado o mes de decembro, convocamos aos veciños de Boebre a unha reunión no local social para informarlos dos traballos que estabamos a desenvolver e a súa finalidade e máis para demandar a súa colaboración, especialmente dos de máis idade, para identificar os topónimos in situ e así poder ubicalos con precisión nas ortofotos que nos proporcionaran en Santiago.
Na semanas e meses seguintes fomos realizando unha chea de fichas con nomes de lugar de diferente categoría, dende núcleos de poboación ata lugares acasarados, dende montes ata leiras, dende fontes ata regatos. Agora estamos a traballar, ademáis, na recompilación dos talasónimos (nomes de lugar costeiros), o que representa unha verdadeira mina de nomes, algún deles verdadeiramente curiosos.
Trátase, en suma, dun traballo ímprobo para o que, dende aquí, demandamos axuda, principalmente para o traballo de campo, pero tamén como informantes. Colaboración, tanto particular como institucional, que nos axude a conservar esa parte inmaterial do noso patrimonio cultural.

No hay comentarios:

Publicar un comentario