O pasado día 24 de abril acudimos un pequeno grupo de membros de Ardóbriga ao Instituto de Ensinanza Secundaria Breamo de Pontedeume a impartir unha charla de divulgación titulada O patrimonio arqueolóxico do litoral eumés. A iniciativa partiu do profesor de Filosofía Víctor Mateo que contactou con nós ofrecéndonos a oportunidade de dar a coñecer unha parte do patrimonio local pouco ou nada coñecida polos rapaces. O alumnos da materia de Antropoloxía de 1º de bacharelato foron os elixidos para a charla e, polo tanto, tentamos darlle á disertación un enfoque antropolóxico que, á vez de cumprir co obxectivo divulgador de Ardóbriga, servise tamén como enlace cos contidos propios da materia, proporcionándolles aos rapaces unha percepción cultural que os aproximase intelectualmente tanto ao feito arqueolóxico como ás propias culturas que habitaron no seu entorno máis próximo.
Para a exposición creamos unha presentación que tratamos de facer amena con profusión de material gráfico e un deseño atractivo. Os rapaces escoitaron con moita atención e interese, pero o tempo fíxose escaso para a exposición que tiñamos preparada e non houbo posibilidade de ofrecer unha quenda de preguntas que de seguro abrirían un interesante debate.
Ningún comentario:
Publicar un comentario