O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




martes, 8 de abril de 2014

I XORNADAS SOBRE PATRIMONIO


Esta fin de semana celebrouse na vila de Betanzos as I XORNADAS SOBRE PATRIMONIO organizadas polos compañeiros da asociación libre de Paderne Roxín Roxal, o patrocinio da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e coa coorinación de Sabela Pérez. A finalidade destas Xornadas eran debater, entre as distintas asociación convidadas, sobre a situación do patrimonio cultural e natural, en definitiva patrimonio paisaxístico, do amplo territorio das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, recentemente declaradas Reserva da Biosfera. A nosa Ardóbriga, de Pontedeume e Miño, tivo a honra de ser convidada a este evento entre outras asociacións que traballan de xeito altruísta pola conservación dun patrimonio que é de todos. 


Abriu a quenda de intervencións o arqueólogo Antón Malde cunha disertación titulada Sociedade, Territorio, Patrimonio na que quedaron plantexada as principais cuestións que logo irían desenvolvendo os seguintes interviñentes dende diferentes puntos de vista. A responsabilidade institucional das diferentes administración, a necesidade de deseñar programas de divulgación, de utilizar os medios e as redes sociais, o establecemento de relacións cos centros educativos, a procura de apoio técnico solvente e a formación de equipas de voluntarios foron algunhas das cuestións desenvolvidas polo arqueólogo. Foi moita a satisfacción entre os membros de Ardóbriga ao escoitar as palabras de Malde, xa que sinalaban un camiño moi semellante ao que vimos traballando dende a nosa fundación.

Sabela Pérez e Antón Malde

Seguidamente falou Xurxo Couto en nome da asociación Monte da Estrela que narrou os traballos do colectivo do que é vicepresidente na recuperación da capela da Estrela no cumio do monte que dá nome ao grupo, así como a recuperación do camiño que conduce a ela e dunha romaría esquecida despois de 50 anos.

Xurxo Couto. Asociación Monte da Estrela

A continuación interveu o representante da asociación Ardóbriga, que neste caso foi a cargo do seu presidente Antón Prego. A intervención consistiu nunha descrición breve dos noso obxectivos e os programas que desenvolvemos a partir dunha pequena escolla de desfeitas contra o patrimonio das moitas que podemos observar dentro do nos territorio de acción. Seguidamente falamos da intervención arqueolóxica no coto de A Ínsua en Boebre (Pontedeume), das circunstancias que nos levaron a facela, de cómo se desenvolveu e das conclusións que tiramos como asociación despois desta experiencia. Finalmente, e con non pouca presa, expuxemos unhas declaracións a propósito da declaración de reserva da Biosfera.

Antón Prego. Asociación Ardóbriga.

Para rematar a quenda da mañá, Fernando Bandín, membro do Padroado da fundación Fragas do Mandeo que falou das actividades que están a levar a cabo de Custodia do Territorio, do traballo voluntario e do plan de xestión de montes cedidos por particularesnos nos que traballan para eliminar especies invasoras, sobradamente a eucaliptización, verdadeira lacra de grande parte do territorio galego. Tras a limpeza do monte plantan castiñeiro de froito micorrizado coa intención de desenvolver en poucos anos unha fraga nova que dea acubillo as especies animais e vexetais autóctonas.

Fernando Bandín. Fundación Fragas do Mandeo.
Pola tarde abriu a quenda de interviñentes Alberto López en nome do Grupo Arqueolóxico Terra de Trasancos, que fixo un relato dos moitos xacementos arqueolóxicos que foron atopando dende a súa fundación en 1991, sobradamente conxuntos tumulares e estacións de gravados rupestres nos concellos de Cabanas, Monfero e Irixoa, facendo unha importantísima aportación ás catalogacións patrimoniais e publicando os seu achados de extraordinario valor en diferentes traballos divulgativos. Ademáis, plantexou os problemas de conservación que presentan estes bens sempre vulnerables a moitas agresións como as derivadas de actividades forestais.

Alberto López.  Grupo Arqueolóxico Terra de Trasancos.

De seguido Iván Franco e Jordi Tato relataron a Experiencia de arqueoloxía pública en Carnota, especial interese tiveron as intervencións no xacemento de Torre dos Mouros e no Castro de Mallou con importante implicación social no desnvolvemento dos traballos, que foron dirixidos polo arqueólogo Antón Malde. Iván Franco, concelleiro de cultura do concello de Carnota, foi o único representante institucional que participou nas Xornadas e foi quen de aportar unha valiosa perspectiva alternativa fronte ás actitudes curtopracistas ou abertamente hostís das meirande parte das autoridades municipais ante a xestión do patrimonio arqueolóxico. A xestión de Franco pasa polo rexeitamento da construción de museos tradicionais e propón a creación de museos abertos e rutas definidas entre os diferentes enclaves a través dunha senda verde que valore o patrimonio cultural, programacións de divulgación e implicación cidadá en torno aos xacementos nas que destacan as barferencias ou charlas divulgativas nas tabernas das aldeas, de grande aceptación.

Jordi Tato e Iván Franco de Carnota.
Despois da quenda de preguntas aos interviñentes da tarde veu a mesa redonda. Con Manuel Gago como moderador e a participación de Carmen Lamela, Javier Losada (director de Tesouros de Galicia), Carlos Amoedo, Jorge Blanco (xerente da asociación Mariñas-Betanzos) e Antón Malde. Estaba prevista, ademáis, a asistencia de Gonzalo Navaza, prestixoso filólogo membro da Comisión de Toponimia de Galicia a quen tiñamos os ardóbrigos especiais ganas de coñecer para compartir con el as nosas experiencias na preservación da microtoponimia, pero non puido asistir. No seu lugar asistiu Manuel Rey, tamén filólogo e membro da Mesa pola Normalización do Galego. Rey foi, ademáis, concelleiro en varios gobernos municipais de coalición de Pontedeume en anos de triste memoria para a conservación do patrimonio arquitectónico da vila e de desmanes urbanísticos de todo tipo. 

Coa mesa redonda remataron as xornadas
A mesa redonda tratou diferentes temas dos que podemos destacar a necesidade de colaborar todos nun cambio de paradigma nas relacións sociais e institucionais co patrimonio, na busca de nichos de mercado e na diversificación da oferta de produtos culturais que reforcen unha concepción do patrimonio como activo económico. En definitiva, procurar valores económicos que xustifiquen os apoios necesarios das administracións para a protección do patrimonio. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario