O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscientes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.

venres, 29 de maio de 2015

OUTRA ACTIVIDADE DE DIVULGACIÓN NO IES BREAMO

Este ano repetimos, unha vez máis, as actividades de divulgación que vimos realizando dende o 2012 no IES Breamo de Pontedeume en colaboración co profesor de Filosofía Víctor Mateo e como actividade complementaria á materia de Antropoloxía de 1º de bacharelato que imparte nese centro e á que se incorporaron este ano como novidade un pequeno grupo de alumnos de 4º ESO coa súa profesora de Lingua Galega Isabel Arcay.




Como nas ocasións anteriores, a actividade dividiuse en dúas sesións a desenvolver en dous días diferentes. Á primeira das xornadas foi o día 30 de abril e  adicámoslle unha sesión lectiva ordinaria de 50 minutos, nela proxectamos unha presentación comentada na que describimos á nosa asociación, os nosos obxectivos, os nosos símbolos e nome de Ardóbriga. Seguidamente narramos a intervención arqueolóxica do 2011 no castro de A Ínsua coas súas incidencias e descubrimentos. Os alumnos e alumnas seguiron con moito interese toda a exposición.




A segunda das xornadas, a do venres 22 de maio, foi dedicada á excursión guiada e comentada por un membro de Ardóbriga. Un autobús trasladou ao grupo de profesores, alumnos e monitor ata o cumio do monte Breamo onde iniciamos a visita cunha serie de comentarios de carácter antropolóxico sobre o Breamo como montaña sagrada e como santuario precristián. Pretendemos sempre, nestas visitas comentadas, ofrecer aos rapaces e rapazas unha serie de novas interpretacións do monumento BIC moito máis amplas que as coñecidas histórico-artísticas que poden consultar en calquera guía turística. Dende Ardóbriga pretendemos que estas interpretacións sirvan para dotar aos alumnos dunha maior densidade de argumentos narrativos que favorezan o desenvolvemento de lazos afectivos con este ben patrimonial que lles fagan valorar a necesidade da súa preservación. Estes lazos xa existen en moitos rapaces da vila e do contorno do Breamo pola súa asistencia a algunha das dúas romarías que se celebran cada ano no lugar na compaña das súas familias ou amigos, co que o único que facemos é potencialos con novos contidos.




A excursión continuou coa baixada do monte pola súa cara oeste en dirección ao castro de Castrelo, onde fixemos outra parada para explicar a importancia deste ben catalogado e asúa máis que probable relación co santuario do Breamo e máis coa vila romana de Centroña, ademáis do achado do medio torques de Centroña e das actividades que realizamos en Ardóbriga con motivo do centenario de tal acontecemento, sobradamente coa publicación dunha monografía.


Finalizamos a excursión no castro de A Ínsua do que xa os rapaces coñecían a intervención arqueolóxica do 2011 pola charla do instituto, pero desta vez puideron ver in situ os lugares que se lles mencionaran.

luns, 4 de maio de 2015

CLAUSURADA A EXPOSICIÓN "150 ANOS DUNHA VILA MARIÑEIRA"

O pasado día 27 de abril clausurouse en Pontedeume a exposición que baixo o título 150 anos dunha vila mariñeira. Pontedeume 1865-2015 ocupaba dende o 17 do mesmo mes tres sás da Casa da Cultura da vila. A mostra pasou antes polas vilas de RianxoNarón e Ortigueira e de seguido irá a As Pontes.


Cumpre dicir que a exposición non pasou desapercibida na vila de Pontedeume. A asistencia de público entusiasta todos os días en que estivo aberta, así como os comentarios que se podían escoitar entre os asistentes, son a mellor testemuña da acollida  con que foi recibida a mostra. E non era para menos: a calidade das reproduccións fotográficas, os paneis informativos, as maquetas e os vídeos conformaron un todo cheo de referentes visuais tan cercanos ao sentir dos eumeses que en non poucas ocasións podíanse escoitar emocionados comentarios identificando momentos pasados de xuventude e infancia, lembrando a irmáns, pais e avós ou lugares que xa non existen.

Pero se a mostra non deixou a ninguén indiferente, o seu espléndido libro catálogo non deixou pegada menor. Unha edición de verdadeiro luxo cun formato e deseño impecables, magníficas reproducións fotográficas que superaron en número ás da mostra e unha coidada selección de artigos de divulgación, no que participaron como redactores-colaboradores ata cinco membros de Ardóbriga. Todo iso fixo que o día da inauguración andasen de man en man polas rúas dos viños de Pontedeume suscitando toda clase de comentarios. Os encargos á organizadora 8mares desbordaron ás escasas previsións dos patrocinadores (Deputación de A Coruña e Concello de Pontedeume) e vai ser necesaria unha nova edición para cubrir a demanda de eumeses da vila e da diáspora así como de curiosos doutras vilas mariñeiras cun pasado semellante.

Para Ardóbriga, como asociación que busca a protección do patrimonio local, a mostra serviu ademáis para por de manifesto as múltiples agresións sofridas na paisaxe urbana e rural da nosa comarca. Pódese ver o Pontedeume que foi e comparar co pouco que del queda a día de hoxe. Pódense ver casas e rúas cheas de vida, uns volumes arquitectónicos coherentes, o pazo dos Andrade, o Breamo sen eucaliptos. Certo é que tamén se pode ver a miseria e a desigualdade, pero, era necesario pagar coa destrucción da vila un progreso que ao final nunca dou chegado realmente?

En definitiva, os nosos máis sinceros parabéns para 8mares como entidade organizadora deste evento e un especial agradecemento a o artífice coordinador Xavier Brisset, investigador e divulgador cultural como poucos, polo seu traballo e aportación animadora da precaria vida cultural eumesa e a quen animamos a repetir con outras iniciativas semellantes.