Como nas ocasións anteriores, a actividade dividiuse en dúas sesións a desenvolver en dous días diferentes. Á primeira das xornadas foi o día 30 de abril e adicámoslle unha sesión lectiva ordinaria de 50 minutos, nela proxectamos unha presentación comentada na que describimos á nosa asociación, os nosos obxectivos, os nosos símbolos e nome de Ardóbriga. Seguidamente narramos a intervención arqueolóxica do 2011 no castro de A Ínsua coas súas incidencias e descubrimentos. Os alumnos e alumnas seguiron con moito interese toda a exposición.
A segunda das xornadas, a do venres 22 de maio, foi dedicada á excursión guiada e comentada por un membro de Ardóbriga. Un autobús trasladou ao grupo de profesores, alumnos e monitor ata o cumio do monte Breamo onde iniciamos a visita cunha serie de comentarios de carácter antropolóxico sobre o Breamo como montaña sagrada e como santuario precristián. Pretendemos sempre, nestas visitas comentadas, ofrecer aos rapaces e rapazas unha serie de novas interpretacións do monumento BIC moito máis amplas que as coñecidas histórico-artísticas que poden consultar en calquera guía turística. Dende Ardóbriga pretendemos que estas interpretacións sirvan para dotar aos alumnos dunha maior densidade de argumentos narrativos que favorezan o desenvolvemento de lazos afectivos con este ben patrimonial que lles fagan valorar a necesidade da súa preservación. Estes lazos xa existen en moitos rapaces da vila e do contorno do Breamo pola súa asistencia a algunha das dúas romarías que se celebran cada ano no lugar na compaña das súas familias ou amigos, co que o único que facemos é potencialos con novos contidos.
A excursión continuou coa baixada do monte pola súa cara oeste en dirección ao castro de Castrelo, onde fixemos outra parada para explicar a importancia deste ben catalogado e asúa máis que probable relación co santuario do Breamo e máis coa vila romana de Centroña, ademáis do achado do medio torques de Centroña e das actividades que realizamos en Ardóbriga con motivo do centenario de tal acontecemento, sobradamente coa publicación dunha monografía.
Finalizamos a excursión no castro de A Ínsua do que xa os rapaces coñecían a intervención arqueolóxica do 2011 pola charla do instituto, pero desta vez puideron ver in situ os lugares que se lles mencionaran.
Ningún comentario:
Publicar un comentario