O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




lunes, 5 de octubre de 2015

XVIII PREMIO DE INVESTIGACIÓN CONCELLO DE PONTEDEUME

O pasado día 29 de setembro, día de San Miguel, foi dado a coñecer no Salón de plenos do Concello de Pontedeume o fallo do XVIII Premio de Investigación que leva o nome do mesmo concello.
Actuaba como presidenta do xurado encargado de elixir o traballo gañador a concelleira de Cultura Yolanda Vázquez, como secretario o bibliotecario e arquiveiro Alexandre Caínzos e como vocais os prestixosos investigadores X.M. González Reboredo, J.M. Cardesín e J.M. Yáñez.

Desta vez o traballo que resultou gañador foi o que levaba por título O santuario do Breamo. Retrato dunha montaña sagrada, realizado polo profesor Antón Prego Fernández.


Yolanda Vázquez, Antón Prego, Bernardo Fernández e Alexandre Caínzos. Foto Ríos.

O autor, socio fundador da asociación Ardóbriga, declarou que a orixe deste traballo está nas visitas guiadas a Breamo que realiza todos os anos cos alumnos de Antropoloxia de 1º de bacharelato do IES Breamo de Pontedeume e cos de 1º eso do CPI Castro Baxoi de Miño como actividade divulgadora de Ardóbriga. A procura de argumentos que ofrecesen aos rapaces e rapazas unha visión amplificada do conxunto arqueolóxico, superadora das lecturas tradicionais en clave histórico-artística da capela ou a meramente festeira das romarías, levou á compilación dun extenso material antropolóxico, etnográfico e de historia das relixións que fixo necesario un ordenamento que tivo como consecuencia final este traballo que será publicado no nº 23 da revista Cátedra no ano 2016.

Non é esta a primeira vez que este premio recae en membros da nosa asociación, lembremos a ilustres ardóbrigos como Carlos de Castro, Lucía Costas, Carola Macedo ou Juan Carlos Arias. Todos eles gañadores do premio de investigación Concello de Pontedeume e colaboradores activos coa protección, a divulgación e o coñecemento do patrimonio material e inmaterial, da cultura e da historia.

Dende Ardóbriga esperamos que este traballo valga como contribución á consecución dos nosos obxectivos, en especial co relativo á protección do patrimonio cultural local, e que tamén sirva de apoio á declaración BIC do conxunto Breamo-Castrelo-Vila romana de Centroña.

ferrol360.es
diariodeferrol.com
lavozdegalicia.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario