O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




lunes, 25 de abril de 2016

INTERESANTE PUBLICACIÓN SOBRE O GOLFO ÁRTABRO

Recén caeu nas nosas mans un libro titulado EL GOLFO ÁRTABRO. Fragmentos de historia litoral y patrimonio. de varios autores e coeditado por V. Alonso, A. R. Colmenero e A. Goy, está publicado pola Universidade de A Coruña con data 2014.




Este libro consta de cinco estudos asinados por sete especialistas de prestixo en arqueoloxía, historia antiga e historia medieval co eixe temático delimitado polo litoral do Golfo Ártabro. Aporta novas visións actualizadas que contribúen ao coñecemento do patrimonio dunha rexión de significativa relevancia xa nos tempos antigos. 

Non abondan as monografías que encaren a etnohistoria dos ártabros, salvo a obra de referencia OS ÁRTABROS. Estudo xeográfico e etnohistórico de F.J. González García (Ourense, 2003), para coñecer ao pobo de da nome ao noso Golfo é preciso rastrexar artigos diseminados por revistas especializadas de eido local ou museístico, acodir a actas de congresos ou revisar publicacións en diferentes linguas. Bótase en falta unha publicación divulgativa que poña todos eses coñecementos dispersos ao alcance do gran público e que sirva de fomento do interese polo patrimonio local.

Pero si unha cousa nos agradou de maneira especial deste libro foi o que atopamos na páxina 97, dentro dun extenso artigo titulado Unha viaxe á Artabria. Valoración arqueolóxica e patrimonial da franxa litoral este do golfo Ártabro asinado por Xurxo Ayán Vila e Elías López Romero, e baixo o epígrafe Un modelo exitoso: historia local e asociacionismo en Pontedeume, os autores fan un favorable recoñecemento á nosa labor como asociación Árdóbriga do que non podemos por menos que estar sentidamente agadecidos. Tamén, como veredes, se recoñece o labor da revista Cátedra, no ámbito da cal nos movemos moitos ardóbrigos e de cuxo Consello de Redacción sempre recibimos apoio e colaboración.



Esperamos dende Ardóbriga que aos autores non lles pareza mal que reproduzamos a páxina na que nos mencionan, xa que desta maneira tamén poñemos en valor o seu traballo a prol do coñecemento e protección do patrimonio. Ademais, e iso non o ímos reproducir (teredes que mercar o libro), tamén dedican un epígrafe á nosa intervención arqueolóxica do ano 2011 no castro de A Ínsua (Boebre,Pontedeume) na páxina 79.

No hay comentarios:

Publicar un comentario