O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscientes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.

venres, 3 de xuño de 2016

PXOM DE PONTEDEUME: QUEDA MOITO POR FACER

O pasado venres día 27 de maio foi unha data que quedara para a historia en Pontedeume: aprobouse definitivamente o tan esperado Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) tras moitos anos de espera.

Unha vez feitas as felicitacións de rigor a toda a cidadanía eumesa toca un momento de reflexión. Este documento suponse un instrumento de apoio e referencia para o ordenamento urbano, para a regulación do crecemento dos núcleos que compoñen o concello e máis para a protección do seu tan rico como depauperado patrimonio histórico, cultural e paisaxístico.

Dada a amplitude do ámbito de regulación do PXOM é fácil que haxa descontentos, disconformes e cabreados. Sen embargo, a necesidade dunha regulación actualizada á lexislación creo que era admitida por todos, o que difícilmente xustifica tan dilatado retraso na súa aprobación se non é en termos de intereses bastardos e de politiqueos de mediopelo ou de manifesta incompetencia.




Pero que ninguén se chame a ilusións! Se nos tempos das normas subsidiarias non había vixiancia do seu cumprimento e reinaba o "ti vai facendo..." e o interese duns poucos por dar "pelotazos" o que levou á destrucción de boa parte do patrimonio arquitectónico histórico da vila, a agresións diversas a xacementos arqueolóxicos e a un dos nosos principais activos económicos como é a paisaxe, qué nos pode facer pensar que de agora en adiante todo vai ser diferente?

Lexislación e normativa de todos os rangos, dende convenios internacionais a plans urbanísticos pasando pola Constitución e o Estatuto de Autonomía, son incumpridas por que ten a obriga de aplicalas . Se as agresións ao Patrimonio e á Paisaxe quedan impunes, se non se artella un sistema eficiente de policía e sanción con tolerancia 0, se derrubar un edificio catalogado ou levantar dúas plantas de máis resulta gratuíto e mesmo sales gañando, por poñer algún dos moitos exemplos posibles que levaron a este concello a situación de extrema alerta na que está, en definitiva, se non hai control isto é un descontrol total, dinamitaremos o longo pasado da vila e quedaremos sen futuro.




É preciso un labor intenso de concienciación cidadá, de educación e civismo, un cambio de paradigma que faga recoñecer á xente que o modelo urbanístico extensivo e intensivo só conduce á ruína, o abandono de obras, ao paro; que non é un camiño eficaz para crear emprego. Un casco vello limpo, vivo e activo, un Camiño de Santiago en condicións presentables, unhas praias con augas e areas limpas, uns montes xestionados con criterios de sustentabilidade evitando especies foráneas invasivas,  un patrimonio arqueolóxico posto en valor e visitable. Todo isto, acompañado dalgunhas cousas máis como a mellora das comunicacións ferroviarias, xeraría calidade de vida e atraería xente á vivir na comarca reactivando a economía local e redundando no ben común. Aquí temos responsabilidade todos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario