O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscientes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.

luns, 4 de xuño de 2012

13/05/12 ROTEIRO COA ASOCIACIÓN ROXÍN ROXAL



A asociación cultural libre de Paderne Roxín Roxal é ben coñecida en todo o país mariñán polos seus amenos roteiros temáticos, deseñados sempre para ofrecer aos afeccionados ás actividades de aire libre unha oportunidade de compaxinar a súa arela coa ampliación da súa bagaxe cultural grazas a uns itinerarios ben pensados e comentados por persoas coñecedoras do tema proposto.


Para a presente primavera de 2012 a directiva de Roxín Roxal, coñecedores das nosas actividades arqueolóxicas na Ínsua (Boebre), contactou con membros de Ardóbriga para nos propor o deseño dun roteiro polos Castros litorais de Pontedeume. Nós ofrecimos un itinerario de tipo lineal con punto de partida no centro de Pontedeume e de chegada no xacemento de A Ínsua. Así pois saímos da vila polo antigo, e case esquecido, camiño que vai a Castrelo pasando por Allón, en terras da parroquia eumesa de Centroña e dende o que se poden ver os castros da desembocadura do Eume de Nogueirosa e Ombre e coto do Castro, as Modias e río Castro na veira de Cabanas, todo presidido dende o castelo de Andrade encaramado no alto da Pena Leboreira. Abandonamos este antigo camiño real en Castrelo para achegarnos ao espectacular castro de Centroña-Perbes que foi profusamente comentado por dous membros de Ardóbriga. Sorprende que varios dos asistentes ao roteiro, malia ser de Pontedeume, ter propiedades a non moita distancia deste castro e mesmo ter paseado en moitas ocasión polo camiño que o circunda, non o tiñan ubicado e moito menos sabían da súas complexas estruturas, o que xustifica sobradamente a necesidade destas actividades divulgativas que organizamos as asociacións culturais.


Deseguido da visita ao castro de Centroña-Perbes baixamos por Sambollo en dirección á costa de Boebre pola mesma rota que catro días antes fixéramos cos alumnos do IES Breamo para chegar ao coto de A Insua onde narramos a interpretación do xacemento, das circunstancias que nos levaron a facer unha intervención arqueolóxica, de como se desenvolveu esta ata chegar ao nivel do castro e da necrópole romana e da relación desta cos restantes achados de época castrexa e romana da contorna.

Rematada a disertación, subimos algo cansos e baixo un sol de xustiza ata o local social de Boebre onde nos tiñan preparados uns saborosos pinchos de empanada e croquetas que, co que foi aportando cada grupo de participantes, deu paso a un animado ágape no que puidemos compartir intereses relacionados coa protección do patrimonio e establecer contactos entre persoas con similares inquedanzas.



domingo, 27 de maio de 2012

09/05/12 EXCURSIÓN COS ALUMNOS DO IES BREAMO




A excursión estaba prevista para o día 25 de maio, o día despois da charla no Instituto, pero a alerta meteorolóxica dunha cicloxénese explosiva desaconsellou facela nese día e, co profesor Victor Mateo coordinador da actividade, buscamos a data máis propicia que resultou ser o día 9 de maio.
Malia ser a excursión o día despois da romaría de Breamo os rapaces acudiron todos, aínda que se lles notaba algo cansos. Cando baixamos do autobús que nos levou canda a capela de San Miguel aínda se percibía a festa que acontecera o día anterior, os servicios municipais afanábanse en adecentar o entorno e aínda quedaba algún toldo sen desmontar. Esta circunstancia, lonxe de ocasionar distracción, serviu para ofrecer aos rapaces unha nova lectura do lugar en clave sociolóxica e ampliándoa ao folclore, á relixiosidade cristiá e aos indicios da existencia dun santuario precristián, para culminar cun exame da edificación románica e do seus elementos estilísticos.
Deseguido comezamos a baixada do monte a pé pola estrada que ven da vila pero desviándonos pola que baixa a San Bollo. Pero antes de chegar a este núcleo, á altura do depósito de auga collimos a pista da dereita en dirección ao castro de Centroña-Perbes, onde fixemos unha detallada visita comentando as estruturas defensivas, as espectaculares vistas, as peculiaridades das fronteiras administrativas entorno a este lugar e o achado do torques en 1912.
A excursión continuou co descenso por San Bollo en dirección a Boebre cruzando a vía do tren pola ponte de Gransoso, Bollo e Pilleiro rematando o descenso no mesmo litoral, na punta Carboeira onde se atopa o castro de A Ínsua. Alí explicamos como chegamos a facer a intervención arqueolóxica do pasado outono e como se desenvolveu esta ata o descubrimento da necrópole romana. Despois subimos ata o local social de Boebre onde nos esperaba o autobús que nos levou de volta a Pontedeume.




24/04/12 CHARLA NO IES BREAMO




O pasado día 24 de abril acudimos un pequeno grupo de membros de Ardóbriga ao Instituto de Ensinanza Secundaria Breamo de Pontedeume a impartir unha charla de divulgación titulada O patrimonio arqueolóxico do litoral eumés. A iniciativa partiu do profesor de Filosofía Víctor Mateo que contactou con nós ofrecéndonos a oportunidade de dar a coñecer unha parte do patrimonio local pouco ou nada coñecida polos rapaces. O alumnos da materia de Antropoloxía de 1º de bacharelato foron os elixidos para a charla e, polo tanto, tentamos darlle á disertación un enfoque antropolóxico que, á vez de cumprir co obxectivo divulgador de Ardóbriga, servise tamén como enlace cos contidos propios da materia, proporcionándolles aos rapaces unha percepción cultural que os aproximase intelectualmente tanto ao feito arqueolóxico como ás propias culturas que habitaron no seu entorno máis próximo. 
Para a exposición creamos unha presentación que tratamos de facer amena con profusión de material gráfico e un deseño atractivo. Os rapaces escoitaron con moita atención e interese, pero o tempo fíxose escaso para a exposición que tiñamos preparada e non houbo posibilidade de ofrecer unha quenda de preguntas que de seguro abrirían un interesante debate.

sábado, 19 de maio de 2012

PRIMEIRA CAMPAÑA ARQUEOLÓXICA DE ARDOBRIGA (3ª entrega)




O achado dos restos humanos, lonxe de favorecer, ralentizaron moito os traballos. Foron pasando os días e os esforzos concentráronse no Sector 2, onde aparecera a lápida. Sen embargo, aparte dos restos óseos mesturados con entullos da primitiva igrexa e pequenos anacos de cerámica, soamente apareceron algunha doas de cor negra, acaso de rosario, e unha moeda de bronce aínda sen identificar. A extracción de ósos é moi lenta e laboriosa, e obriga a facer constantes interrupcións para efectuar medicións e debuxar croquis. Tal vez o achado de máis interese neste sector, despois da lápida, foi un cambio da tonalidade do xabre, na cabeceira oeste da cata e a escasa profundidade, que indicaba a presencia dunha cantidade apreciable de argamasa dun ton amarelo brancuzco que ven poidera ser unha pegada dalgunha edificación.
Á vista dos resultados, e de que o prazo para rematar os traballos pasaba, o director da escavación Fidel Méndez decide centrar os traballos no Sector 1. Aquí, despois de superar o nivel de terra arxilosa pisada con entullo equivalente ao que contiña a lápida do outro Sector e no que atopamos un botón de uniforme do s. XIX, entre outras cousas de menor entidade, chegamos a unha capa de pedras que semellaba foran estendidas procedentes dalgún muro.
Por debaixo deste nivel de pedras apareceu de novo terra vexetal, pero moi antiga, asociada a frecuentes restos romanos como tégula e terra sigilata e algúns de cerámica de tipoloxía castrexa.
Efectivamente, chegamos ao nivel castrexo dun xacemento dun longo e descontinuo historial de ocupación. A confirmación foi o achado duns curiosos obxectos metálicos que, a falta da súa limpeza en laboratorio, ben pode tratarse de colgantes atrompetados como os aparecidos no castro de Torroso o que ratificaría a adscrición do castro de A Ínsua á primeira Idade do Ferro. Ademais, dentro deste nivel castrexo atopamos un soterramento, seguramente de época romana que viría a confirmar o retorno ao castro con fines funerarios, tempo despois do abandono do seu uso habitacional, o que supón un mantemento do coñecemento do lugar como “pobo dos antepasados” ao longo da segunda Idade do Ferro, época na que o poboamento estaría no cercano castro de Centroña-Perbes, que remataría por converterse na necrópole dos habitantes da vila romana de Centroña e doutros núcleos próximos.Coa chegada do cristianismo construiríase a primeira igrexa de Boebre que consagraría o camposanto ás novas crenzas.

mércores, 18 de abril de 2012

PRIMEIRA CAMPAÑA ARQUEOLÓXICA DE ARDÓBRIGA (2ª entrega)



O obxectivo da presente campaña era localizar os restos da primitiva igrexa parroquial de Santiago de Boebre e afondar ata o nivel de ocupación castrexo e tratar de documentar arqueolóxicamente a hipótese do director da intervención, de que estaríamos nun castro da 1º Idade do Ferro que sería abandonado nalgún momento no que se fundaría o cercano castro de Centroña-Perbes, de características propias da 2ª Idade do Ferro. Un posible uso ritual do castro da Insua conservaríase ao longo deste período e favorecería unha utilidade funeraria, como cidade dos antepasados, que daría servicio a poboación romana da zona testada arqueolóxicamente polos achados da vila romana de Centroña e de Sopazos.
Unha vez obtidos os preceptivos permisos iniciamos o desbroce do terreo, no transcurso do cal xa apareceron numerosos restos de tella en superficie, e posteriormente a escavación de dúas catas de sondaxe na finca onde apareceran as lápidas nos anos 80. A primeira (Sector 1) iniciouse no valo leste penetrando en dirección oeste na finca, e a segunda (Sector 2) nos terreos centrais da mesma e seguindo a mesma orientación.
No Sector 1 axiña comezaron a aparecer restos de derrube de cachote de esquisto mesturados con anacos de tella, algún fragmento de tégula romana e de cerámica. Pero axiña, tamén, detivemos os traballos polo que saíu na outra cata.
No Sector 2, e nada máis sacar o terrón, quedou ao descuberto unha pedra de cantería de granito cunha cruz de Malta inscrita nunha circunferencia toscamente tallada en baixo relevo. Este achado obrigounos a ampliar a cata do Sector 2 nunha área de 2x2 m. na súa parte nororiental. A pedra, que en principio semellaba ser outra lápida, estaba aliñada con fragmentos de cantería moi alterados pero que non constituían enterramento algún. Ao norte desta liña de pedras atopamos moitos restos óseos humanos revoltos e mesturados con entullo, anacos de tella, terra e algunha doa de rosario polo medio. Ao parecer topamos co osario do cemiterio da antiga parroquia de Santiago de Boebre.
Pedimos axuda ao Concello de Pontedeume para retirar a pedra achada e máis as outras que apareceran nos anos 80 e que estaban depositadas na casa da propietaria da finca. Proporcionáronnos un camión con pluma no que trasladamos as pezas ata os xardíns da Casa da Cultura de Pontedeume, onde quedaron en depósito provisional ata o seu estudo pormenorizado.

luns, 23 de xaneiro de 2012

EXCAVACIÓN ARQUEOLÓXICA NO CASTRO DA INSUA (BOEBRE-PONTEDEUME)















Entre o 10 de setembro e o 10 de outubro de 2011
Director da excavación: D. Fidel Méndez Fernández
Patrocinado pola Excma Deputación Provincial de A Coruña


PRIMEIRA CAMPAÑA ARQUEOLÓXICA DE ARDÓBRIGAO día 10 de setembro encomezamos a nosa primeira campaña arqueolóxica financiada en parte pola Deputación Provincial de A Coruña e dirixida polo arqueólogo Fidel Méndez Fernández, asíduo colaborador de Ardóbriga. Os traballos remataríanse nos primeiros días de outubro cuns resultados, en todos os aspectos, máis que satisfactorios. A iniciativa foi a culminación da primeira fase dun ambicioso proxecto de investigación que en Ardóbriga denominamos Proxecto Castro da Insua.
O castro da Insua ven sendo obxecto de pescudas por parte de membros de Ardóbriga mesmo antes de constituírmonos como asociación, e foi obxecto de varios foros no actualmente pechado portal www.celtiberia.net xa no ano 2006. Por outro lado, hai tempo que tiñamos noticia de certas lendas locais relacionadas coa existencia dunha igrexa e/ou un cemiterio no lugar ou na cercana illa Carboeira do que xa informamos noutro artigo deste blog. As lápidas aparecidas a principios dos 80 confirmaron a existencia dese cemiterio, e datos de enterramentos en exraña disposición radial achados na década anterior e que ben podían ser de época romana ratificaron o uso funerario do castro da península da Insua.
Faltaba confirmar a localización da primitiva igrexa parroquial de Boebre, xa que algunhas versións da lenda dos cainceiros situábana na illa e outras na península e os libros parroquiais existentes non aportaban información anterior a actual construída no século XVIII. Era preciso atopar os libros da igrexa antiga, pero estes non aparecían por ningures. Os investigadores de Ardóbriga entrevistáronse con cregos, indagaron por arquivos, consultaron a particulares e publicaron artigos en revistas describindo o tipo de documento que andabamos procurando por ver se alguén podía informarnos a prol do seu paradoiro. E por fin apareceron nun vello armario na veciña parroquia de Centroña, e con eles a confirmación da existencia dunha igrexa no lugar chamado coto da Insua que polo seu estado ruinoso e polas dificultades que supuña aos fegreses foille concedido o traslado á súa actual ubicación aló polo ano 1729.

A LENDA DOS CAINCEIROS DE BOEBRE



Mentres faciamos os traballos de recompilación da microtoponimia da parroquia de Santiago de Boebre, no concello de Pontedeume, tivemos ocasión de entrevistarnos con varias persoas de avanzada idade. Preguntados polo motivo do alcume de “cainceiros” para os habitantes da parroquia, estes contestaron coa narración dunha lenda local que, con lixeiras variantes segundo o narrador ven sendo como segue:
“Hai moitísimos anos a igrexa parroquial de Boebre non estaba onde está agora senón na illa que chaman Carboeira e o cemiterio en terra firme no lugar chamado coto da Insua. Como a Carboeira estaba daquela separada da terra por un estreito brazo de mar, cando os fegreses eran chamados para ires a misa tiñan que atravesalo e o facían a través dun pontón fabricado con caínzos. Por este motivo, e dende entón, aos de Boebre lles chaman cainceiros.”
En primeiro lugar, e para quen o descoñeza, un caínzo é un entrabado de paus entrelazados xeralmente de madeira de abeleira utilizado na Galicia tradicional nos laterais dos carros para soster a carga, ademais podía ter outros usos como paneis separadores de espazos nas palleiras ou nas cortes.
En segundo lugar, esta lenda ten un especial interese por diversas razóns como a antigüidade do relato, narrado por persoas de moi avanzada idade que afirman tela escoitado sendo nenos de boca dos seus avós. Por outro lado, unhas lápidas de granito aparecidas a principios dos anos 80 nunha finca situada no coto da Insua ao facer as obras de ancheamento do camiño semellan dar un risco de veracidade á narración. Ademais, é preciso lembrar que no coto da Insua hai un castro catalogado do que aínda é visible un parapeto de terra no istmo da península que forma o coto.
Cando nun mesmo lugar conflúen indicios tan diversos é moi posible que nel se agochen restos dun pasado especialmente significativos para as persoas que viviron ao seu carón e non menos para as que viven hoxendía.