O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




lunes, 20 de junio de 2011

EXCURSIÓN ARQUEOLÓXICA Á BARBANZA








O pasado día 2 de abril Ardóbriga organizou unha excursión ás terras da Barbanza consistente na visita a varios xacementos arqueolóxicos desa comarca explicada por profesionais especializados. As charlas financiáronse con cargo á subvención da Deputación Provincial de A Coruña.
Saímos en autobús de Pontedeume ás 9:30 co aforo prácticamente completo, pódese dicir que a experiencia foi un rotundo éxito de asistencia, acentuado ademáis pola diversidade de idades dos asistentes.
Chegamos a Neixón (Boiro) a media mañá e nos recibiron no Centro Arqueolóxico do Barbanza onde nos organizaron en dous grupos para adaptar as visitas guiadas a dous niveis de idade: nenos e adultos, e facer as explicacións máis asequibles. Mentres os nenos asistían á visita guiada, os maiores tomabamos un café, e, ao rematar aqueles, entramos no Centro a ver a exposición acompañada duns detallados e amenos comentarios por parte do guía. De seguido pasaron a ensinarnos os castros de Neixón Grande e Pequeno, situados nun lugar privilexiado á veira da ría de Arousa que nesta ocasión semellaban especialmente bonitos gracias ao sol primaveral que lucía a esas horas.
E así foi chegando a hora de xantar e a expedición toda desprazouse ata un restaurante da zona onde tiñamos reservadas tres longas mesas e onde nos ofreceron un banquete a un prezo asequible.
Despois do xantar fumos visitar o dólmen de Axeitos cunha pormenorizada explicación por parte do prestixioso arqueólogo D. Fidel Méndez Fernández, que puxo ao servizo de Ardóbriga todos os seus coñecementos e experiencia no campo do megalitismo.
Xa pola tarde, seguimos pola veira norte da península do Barbanza ata o castro de Baroña en Porto do Son. Empezábase a levantar un incómodo vento que presaxiaba auga, pero aínda así aventurámonos, mesmo os asistentes de máis idade, a baixar ata un dos castro máis senlleiros de todo o patrimonio arqueolóxico de Galicia e que corre un grave risco de sofrer deterioros de caracter irreversible. Aquí a expedición espallouse polo extenso e logo camiño que baixa dende a estrada ata o castro, pero aínda así logramos formar un bo grupo para escoitar as explicacións do noso arqueólogo colaborador habitual.
Facíase tarde e embarcamos no autobús de regreso a Pontedeume, os maiores algo fatigados e os nenos incansables, pero todos cun bo sabor de boca e con moitas cousas novas aprendidas do noso pasado e do noso patrimonio arqueolóxico.






No hay comentarios:

Publicar un comentario