O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




lunes, 1 de agosto de 2011

EXPOSICIÓN EN PONTEDEUME



1-10 de abril

A exposición “O xacemento arqueolóxico da illa de Sta. Comba, Covas (Ferrol)” chega a Pontedeume despois de permanecer preto dun mes en Miño, no CPI Castro-Baxoi e no local social de A Rúa.
A Asociación Ardóbriga contribúe desta maneira á itinerancia dunha exposición montada pola Sociedade Columba de Covas coa colaboración da Deputación Provincial de A Coruña. Esta contribución é o resultado dunha confluencia de obxectivos entre ámbalas dúas asociacións, xa que coincidimos en procurar a protección do patrimonio a través da divulgación do seu coñecemento.
A Sociedade Columba, máis veterana que Ardóbriga, é un modelo para nós, tanto polos obxectivos compartidos como polo modelo organizativo. Ademais, dende os nosos inicios ofrecéronos xenerosos os seus consellos fundados nunha sólida experiencia asociativa. Así pois esta pequena contribución nosa sirva de sincero agradecemento á desinteresada axuda que nos foi prestada.
A exposición consta de trece paneis de 120x90 cm no que, tras unha introdución de carácter literario, descríbese a peculiar ubicación do xacemento da illa de Sta. Comba, nunha antiga península hoxe separada de terra firme, pasando de seguido a narrar alternando gráficos con textos as dúas campañas arqueolóxicas levadas a cabo pola Sociedade Columba en diferentes anos. Sigue a exposición coa descrición dos materiais achados e unha didáctica explicación de como sería a vida na poboación ártabra que ocupaba o lugar na Idede do Ferro. Adícanse dous paneis á descrición pormenorizada do que sen dúbida foi o principal achado: os restos dun forno metalúrxico acompañado de restos de escoria de fundición que ven a certificar as hipóteses de que na rexión ártabra procesábase o mineral para obter ferro e que este, e máis nun castro costeiro destas características, sería obxecto de intercambio comercial a través do mar. Conclúe a exposición con dous paneis adicados á explicación dos traballos de restauración da ermida de Sta. Comba levados a cabo tamén pola Sociedade Columba.
O día 8 de abril, desplazouse ata Pontedeume o presidente da Sociedade Columba, D. José López Hermida, co fin de ofrecer unha charla de presentación da exposición á que asistiu numeroso público. Ameno orador, López Hermida trenzou un discurso cheo de anécdotas que ilustraron á perfección o desenvolvemento dos traballos realizados pola asociación que preside. Ao final, os asistentes, curiosos, fixeron moitas interesantes preguntas relativas tanto a aspectos organizativos como técnicos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario