O achado dos restos humanos,
lonxe de favorecer, ralentizaron moito os traballos. Foron pasando os días e os
esforzos concentráronse no Sector 2, onde aparecera a lápida. Sen embargo,
aparte dos restos óseos mesturados con entullos da primitiva igrexa e pequenos
anacos de cerámica, soamente apareceron algunha doas de cor negra, acaso de
rosario, e unha moeda de bronce aínda sen identificar. A extracción de ósos é
moi lenta e laboriosa, e obriga a facer constantes interrupcións para efectuar
medicións e debuxar croquis. Tal vez o achado de máis interese neste sector,
despois da lápida, foi un cambio da tonalidade do xabre, na cabeceira oeste da
cata e a escasa profundidade, que indicaba a presencia dunha cantidade
apreciable de argamasa dun ton amarelo brancuzco que ven poidera ser unha
pegada dalgunha edificación.
Á vista dos resultados, e de
que o prazo para rematar os traballos pasaba, o director da escavación Fidel
Méndez decide centrar os traballos no Sector 1. Aquí, despois de superar o
nivel de terra arxilosa pisada con entullo equivalente ao que contiña a lápida
do outro Sector e no que atopamos un botón de uniforme do s. XIX, entre outras
cousas de menor entidade, chegamos a unha capa de pedras que semellaba foran
estendidas procedentes dalgún muro.
Por debaixo deste nivel de pedras apareceu de novo
terra vexetal, pero moi antiga, asociada a frecuentes restos romanos como
tégula e terra sigilata e algúns de cerámica de tipoloxía castrexa.
Efectivamente, chegamos ao
nivel castrexo dun xacemento dun longo e descontinuo historial de ocupación. A
confirmación foi o achado duns curiosos obxectos metálicos que, a falta da súa
limpeza en laboratorio, ben pode tratarse de colgantes atrompetados como os aparecidos
no castro de Torroso o que ratificaría a adscrición do castro de A Ínsua á
primeira Idade do Ferro. Ademais, dentro deste nivel castrexo atopamos un soterramento,
seguramente de época romana que viría a confirmar o retorno ao castro con fines
funerarios, tempo despois do abandono do seu uso habitacional, o que supón un
mantemento do coñecemento do lugar como “pobo dos antepasados” ao longo da
segunda Idade do Ferro, época na que o poboamento estaría no cercano castro de
Centroña-Perbes, que remataría por converterse na necrópole dos habitantes da
vila romana de Centroña e doutros núcleos próximos.Coa chegada do cristianismo
construiríase a primeira igrexa de Boebre que consagraría o camposanto ás novas
crenzas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario