O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




lunes, 21 de diciembre de 2009

OUTONO ÁRTABRO 11/12/09


A segunda xornada do Outono Ártabro tivo lugar tamén no Centro de Maiores de Pontedeume e correu a cargo de Pitusa Lomba Fernández baixo o título O Centro Arqueolóxico da Barbanza e castros de Neixón (Boiro): Unha experiencia de posta en valor do Patrimonio.
A ponente desta ocasión, Pitusa Lomba, é unha experimentada profesional como xestora de varias asociacións culturais, sociais e empresariais, monitora de animación e tempo libre en diferentes entidades así como programadora, coordinadora e profesora de proxectos sociais e educativos pioneiros. Veu compartir con nós a súa experiencia como Xestora do Centro Arqueolóxico da Barbanza, que dirixe dende o ano 2001.
As vicisitudes que pasou este centro foron moitas, dende os flagrantes erros de deseño arquitectónico que dificultaban a creación dun espacio expositivo eficiente e obrigaron a reconvertir un garaxe en aula para cursos e obradoiros ou os diferentes cambios nos gobernos municipal e autonómico que dificultaron enormemente a xestión dos recursos humanos e económicos e obrigaron á xestora a bregar con situacións de discontinuidade no ritmo de traballo e no cumprimento de obextivos, sempre condicionados polo balance de resultados expresado no número de visitantes.
Por outro lado, as características do Centro, que non se limita ao edificio, se non que abrangue dous castros, dificulta notablemente a xestión. A limpeza dos terreos, o mantemento dos achados arqueolóxicos e dos paneis informativos ou as visitas guiadas son algúns dos problemas a resolver en circunstancias as veces precarias e con máis vontade que recursos.
O Patrimonio Cultural como activo económico e social non está aínda suficientemente consolidado na nosa sociedade e menos na clase política, moitas veces de mentalidade curtopracista cando non decididamente descrutivas sen reparos en aras dun malentendido progreso. Por outra parte, tamén é certo que non resulta doado de explicar ante a sociedade unhas inversións moitas veces pouco visibles ou de moi escasa repercusión directa na cidadanía cando, se cadra, non son quen de resolver os servicios mínimos que unha administración ten que prestar. Ademáis, na actual coxuntura de crise, a redución de recursos xúntase coa excusa fácil para o desvío de partidas económicas cara cuestións políticamente máis rendibles.
Para o recordo queda a anécdota de que, xa rematada a charla de Pitusa Lomba, a ponente e os asistentes ao acto quedamos pechados no local do centro de Maiores. Os responsabeis das chaves marcharon sen avisar trincando ata a persiana metálica e sen comprobar que non quedara xente dentro. Por fortuna, e grazas á telefonía móbil, o feito quedou nun pequeno susto sen máis trascendencia que a propia constatación do cativo interés que o concello de Pontedeume presta á valoración do Patrimonio.
Non deixedes de visitar a páxina web:
http://www.centroarqueoloxicodobarbanza.org/





No hay comentarios:

Publicar un comentario