O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscientes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.

mércores, 30 de decembro de 2009




OUTONO ÁRTABRO 18/12/09

A xornada derradeira do Outono Ártabro foi tamén a de presentación da asociación Ardóbriga no Centro Cultural do concello de Miño. A afluencia de público foi máis ben escasa, pero non menos que nas dúas xornadas anteriores, desenvolvidas en Pontedeume onde a priori tiñamos máis respaldo social.
Nesta última ocasión acompañounos Fidel Méndez Fernández, arqueólogo e vello coñecido de Ardóbriga xa que foi nunha visita ao castro de Centroña-Sambollo na súa compaña onde naceu a idea de constituirmos a nosa asociación.
O historial profesional de Méndez é amplo e vai dende a publicación de varios artigos, ponencias de congresos e obras de investigación, algunhas que ata o de agora son de referencia para os estudiosos da Idade do Bronce en Galicia, á innovación das metodoloxías arqueolóxicas e a aplicación de tecnoloxías SIG nas excavacións ata a realización de multitude de traballos de campo dos que destacariamos os do proxecto Bocelo-Furelos ou os realizados no Laboratorio de Arqueoloxía e Formas Culturais da Universidade de Santiago. A día de hóxe dirixe con Mª Carmen Martínez a empresa Patrimonio y Arqueología Servicios Técnicos (PAST) coa que, excavando un túmulo no que sería a urbanización Costa Miño Golf, descubriron os restos do poboado neolítico e diversos materiais que podemos ver na sección de Imagoteca desta páxina e, ademáis, colabora con Ardóbriga no proxecto Castro de Centroña-Sambollo.
Seguindo á liña temática establecida para este Outono Ártabro, a charla de Fidel Méndez tivo por título A revalorización do Patrimonio na comerca de Ortegal e nela explicou a súa experiencia nun proxecto de desenvolvemento local no que o patrimonio arqueolóxico foi o protagonista. A iniciativa partiu do Concello de Ortigueira e contou coa colaboración da Fundación Fernández Latorre, resultando a creación da Fundación Federico Maciñeira o 24 de abril de 2000. Os obxectivos principais da Fundación son, por un lado, a revalorización do patrimonio, en especial o arqueolóxico, da comarca do Ortegal, e por outro ofrecer cobertura técnica ao concello de Ortigueira en materia de patrimonio cultural. A financiación da Fundación e fundamentalmente pública, a través de subvencións, aínda que na actualidade pensan en iniciar actividade económica na procura da autofinanciación.
Para acadar os seu obxectivo a Fundación Federico Maciñeira creou o Plan Ortegalia como plan de inversión que mellorara as condicións xerais do patrimonio da zona coa creación de infraestruturas culturais vinculadas ao patrimonio arqueolóxico e etnográfico que deran unidade e sentido ao conxunto así como a revalorización de conxuntos patrimoniais concretos a través da inversión directa. Así, as principais liñas de traballo foron: a actualización das catalogacións de patrimonio cultural; a actualización do Plano Arqueolóxico de Federico Maciñeira, a realización e posta en marcha dun centro arqueolóxico na vila; a creación de itinerarios culturais baseados en camiños tradicionais e históricos que ademáis incluiran o rico patrimonio natural e paisaxístico da zona e que conectase unidades patrimoniais senlleiras; a excavación, consolidación e, nalgún caso, restauración deses elementos nalgúns casos seriamente deteriorados. Os principais puntos de referencia foron: o porto de Bares, a necrópole de Forno dos Mouros e o castro de Punta dos Prados, en Espasante, con especial atención ao seu Monumento con Forno, para o que foi preciso redactar un plan director no que se solicitaba a declaración BIC (Ben de Interese Cultural) para todo o conxunto.
Rematada a exposición de Méndez, o debate entre os asistentes xirou entorno ao caracter vertical de estas iniciativas e as contradiccións que xera a implicación das administracións na posta en valor de determinados xacementos, mentres que as mesmas administracións incorren no abandono doutros, cando non son partícipes directas da súa destrucción por permisividade urbanizadora.


2 comentarios:

  1. Noraboa aos organizadores das xornadas polo éxito das mesmas, senón de público -o cal era esperable- alomenos polo rigor e interese das charlas.
    Claro que organizar unhas charlas en Pontedeume sobre protección do Patrimonio -ás que non asistiu lamentablemente ningún responsable municipal para que tomara nota-resulta un pouco utópico. Necesario pero utópico.
    Seguide sendo utópicos, é necesario para cambiar esta realidade moitas veces hostil.

    Manuel D.

    ResponderEliminar
  2. Dende logo que as utopías son as que moven o mundo. Si non fora por elas todo se pararía e acabaría retrocedendo.
    As charlas estiveron moi ben e os temas sobradamente escollidos para moitas persoas de Pontedeume e Miño supostamente interesadas pola protección do patrimonio. Daquela, porque asistiu tan pouca xente?. Probablemente a publicidade dos actos non chegou a todo o mundo (estamos aprendendo aínda),pero quizais a hora de tomar os viños teña máis poder de convocatoria que a protección do patrimonio. Se é así non é de estrañar que as cousas estean como están.
    Así non é nada doado facer asociación.
    Armeiro

    ResponderEliminar