O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




lunes, 2 de mayo de 2011

CHARLA NO CENTRO SOCIAL DE MIÑO



25 de febrero de 2011

O pasado 25 de febreiro, e dentro do Programa de Comunicación coa Sociedade que Ardóbriga ven desenvolvendo dende o seu inicio de actividades, organizamos unha charla divulgativa titulada Miño na prehistoria. O poboado da Gándara e o seu contexto prehistórico a cargo do arqueólogo e habitual colaborador de Ardóbriga Fidel Méndez Fernández. A charla celebrouse no salón de actos do Centro Social Municipal de Miño e foi seguida con interés por un selecto grupo de persoas entre as que se atopaba o candidato á alcaldía de Miño polo Partido Socialista Manuel Vázquez Faraldo que, ao igual que outras persoas do público, manifestou o seu interese polo Patrimonio Arqueolóxico do seu concello en xeral e máis polo xacemento obxecto da charla en particular, con varias preguntas e comentarios ao final que suscitaron un animado debate entre os participantes no acto.
E é que o tema da charla foi escollido polo seu interés local, para dar a coñecer os achados da excavación arqueolóxica dirixida por Méndez nos terreos que hoxe ocupa a urbanización Costa Miño Golf, concretamente nunha zona que ata o de agora, e xa pasaron varios anos, non foi construida. O arqueólogo relatou como foi contratado pola construtora FADESA para excavar un túmulo de grandes dimensións, que sería destruido, e para poñer en valor dous máis, de menor tamaño, que quedarían baixo a responsabilidade do concello de Miño nas proximidades do Club de Golf.
O resultado da excavación do túmulo pódese apreciar nas fotos que publicamos na sección de Imagoteca da nosa web. Trátase dunha estrutura tumular dotada de foxo perimetral, sen cámara pétrea e con dúas fases de utilización no que apareceron algúns materiais líticos e restos cerámicos. Pero o máis interesante do xacemento xurde ao retirar o montículo de terra no momento no que a intervención parecía rematada, xa que nun nivel inferior e, polo tanto máis antigo, comezan a aparecer estruturas habitacionais consistentes en furados de postes, zanxas de cimentación de cabanas de madeira e estruturas de combustión formadas por pedras queimadas. Informada a Dirección Xeral de Patrimonio do achado, ditaminaron a ampliación no espacio e no tempo da intervención arqueolóxica.
A consecuencia da ampliación da excavación apareceu o que resultaron ser os restos dun poboado de época neolítica de grandes dimensións, no seu momento o máis grande de Galicia destas características. Este poboado estaba formado por numerosas estruturas de cabanas e de combustión, de ocupación discontínua, correspondentes a unha sociedade de tipo seminómada, acompañadas de pequenos fragmentos cerámicos e materiais líticos como raspadores, xunques e unhas fermosas machadas dunha pedra pulimentada que non se atopa pola comarca e que fai pensar nos longos desprazamentos dos habitantes do poboado. Algúns destes materiais, así como as estruturas, pódense ver tamén na nosa sección de Imagoteca por xentileza do director da excavación e relator desta charla Fidel Méndez.Finalmente, de toda a intervención nos terreos da urbanización Costa Miño Golf soamente quedan os dous pequenos túmulos responsabilidade do concello de Miño, en estado de abandono e cubertos polos toxos o mesmo que os paneis informativos que os acompañan. Calquera que pase por alí pode verlo. Do túmulo grande e máis do poboado non queda nada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario