O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




lunes, 19 de septiembre de 2011

EXCURSIÓN ARQUEOLÓXICA COS ALUMNOS DO CPI CASTRO-BAXOI



15-04-11

Outra actividade máis proposta por Ardóbriga e relacionada co tema escollido para a promoción entre os alumnos da lectura e uso da Biblioteca escolar do CPI Castro-Baxoi foi esta excursión de temática arqueolóxica.
O obxectivo principal desta actividade foi o coñecemento do pasado prehistórico e antigo dos concellos de Miño e de Pontedeume a través da visita a algúns xacementos próximos e así promover nos nenos a valoración dos mesmos como patrimonio cultural e fonte de coñecemento do medio xeográfico no que viven e do seu pasado histórico.
A data escollida foi a do 15 de abril, día de remate das clases antes das vacacións de Semana Santa, e a climatoloxía colaborou moi positivamente no éxito. Partimos ás 9 da maña do colexio en dous autobuses que nos levaron ao cumio do monte de Breamo dando un pequeno rodeo para ver os restos dos túmulos neolíticos da necrópole de Ombre-As Gándaras. A partir de aquí fixemos o descenso do monte a pé, visitando de camiño o castro de Centroña-Perbes de cara á parroquia de Boebre, onde vimos dende lonxe e seu castro costeiro. O camiño continuou pola Arbosa en dirección a Perbes onde, despois dun pequeno descanso, tomamos a estrada AC-4803 que nos levou de volta a Miño.
A excursión foi guiada por un membro de Ardóbriga que insistiu nos seus comentarios en aspectos territoriais como a disposición da necrópole de A Gándara ao longo dun tramo do antigo camiño real, a situación central do monte e santuario de San Miguel de Breamo no territorio de Pruzos e máis a súa importancia sociolóxica actual como elemento de catalización social dentro do calendario folclórico e festivo da comarca ou a peculiaridade do Castro de Centroña-Perbes cunha privilexiada ubicación na aba do monte e polo que pasa a liña divisoria dos concellos de Pontedeume e Miño e, nas súas proximidades, as de dúas parroquias de cada un deses concellos. Tamén foron explicados aspectos formais da arte Románica diante da capela de San Miguel e observamos as estruturas defensivas do castro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario