O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscientes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.

venres, 3 de agosto de 2012

1912-2012: CEN ANOS DO TORQUES DE CENTROÑA


EXCURSIÓN A VILADONGA E LUGO



Como xa anunciáramos o día 28 de xullo fixemos unha excursión organizada conxuntamente entre Ardóbriga e a Asociación de Veciños de Centroña. O obxectivo da excursión era, por un lado ofrecer aos asistentes a posibilidade de observar de primeira man un castro semellante ao de Centroña posto en valor, xestionado e explotado de maneira exemplar. Por outro lado tamén tiñamos especial interese en amosar aos veciños de Centroña o torques que deu fama a súa parroquia.


Para seres datas nas que moita xente sae de vacacións e non faltan as ofertas de ocio de todas as clases, a convocatoria foi seguida por 26 persoas nas que destacaba un animoso grupo de mulleres de Centroña que quedaron sorprendidas polo castro de Viladonga e polo descubrimento de que moi perto das súas casas teñen outro de grandes dimensións (6,3 ha.) e con maior potencial de explotación turística-cultural gracias á súa inmellorable situación de dominio visual do Golfo Ártabro.


A visita ao Museo Provincial de Lugo foi máis breve do que quixéramos debido ao retraso que acumulamos por mor do tráfico do casco urbán. Malia este detalle, a guía do museo ofreceunos unha rápida visita comentada na que puidemos ver as principais instalacións do museo e, principalmente, a magnífica colección de ourivería prerromana depositada nel na que se inclúe o Torques de Centroña que figura no logo de Ardóbriga e na que destaca tamén pola súa espectacularidade o Torques de Burela e o Carneiro Alado, xoias senlleiras da ourivería antiga de Galicia.


Pola tarde mellorou o tempo que estivera algo desapacible e poidemos dar un agradable paseo polas Murallas Romanas de Lugo antes de regresar a Pontedeume.

Ningún comentario:

Publicar un comentario