O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscientes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.

domingo, 23 de setembro de 2012

1912-2012: CEN ANOS DO TORQUES DE CENTROÑA

NESTE MES DE SETEMBRO CÚMPRENSE OS CEN ANOS

Hai agora cen anos que saíu da terra o Torques de Centroña de mans do labrego Juan Leira cando sachaba nas patacas na súa finca chamada Casavella do lugar de Castrelo, moi perto do castro que leva ese mesmo nome. A noticia trascendeu á prensa local nun artigo publicado no semanario eumés Ecos del Eume o día 12 de setembro de 1912, pero xa pasaran alomenos dúas semanas do suceso. Foi nun día indeterminado entre o 8 e o 15 deste mes, aínda que máis probable entre o 12 e o 15, xa que pola proximidade das festas patronais de Pontedeume que rematan o 11, e daquela eran tan populares como agora, non sería doado atopar persoal para ir ás patacas.
En Ardóbriga estamos preparando unhas actividades para conmemorar  este evento. De elas xa temos feito a excursión a Lugo. En canto á marcha sendeirista que pensabamos facer, non se fixo por culpa da desafortunada intromisión da concelleira de Pontedeume Dª Ascensión e da que xa demos conta neste mesmo blog. Do resto das actividades que dicía estaba a organizar o concello e que en realidade tentabamos de organizar nós, veremos cales acadamos de levar adiante. As circunstancias dalgúns dos nosos colaboradores son certamente adversas, pero non duvidedes que algunha delas farémolas, malia que oscuros persoaxes arribistas traten de sacar tallada do traballo alleo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario