O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscientes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.

martes, 22 de outubro de 2013

EXCURSION CON ROXÍN ROXAL

O pasado domingo 20 de outubro a Asociación Libre de Paderne Roxín Roxal programou un dos seus roteiros de outono ao que acodeu, coma sempre, moitísima xente (fontes da organización estimaron unhas cen persoa,s entre as que había un grupo de nenos do colexio de Andrade coa súa mestra) e, coma sempre, a organización foi excelente.
O destino desta ocasión foi a parroquia de Torres no concello de Vilarmaior para contemplar os petróglifos descubertos nos últimos anos pola asociación Grupo Arqueolóxico Terra de Trasancos e publicados en diferentes números da revista Anuario Brigantino de Betanzos. Varios grupos de ardóbrigos nos achegamos ata alí para coñecer de primeira man estes novos achados arqueolóxicos.


Os gravados foron comentados por Alberto López, membro do Grupo Arqueolóxico Terra de Trasancos e un dos descubridores destes xacementos rupestres, únicos no Norte de Galicia por incluir nos seus repertorios iconográficos algunhas figuras de probable referente antropomórfico.


Os organizadores da excursión dispuxeron dun gran plástico negro que ían colocando sobre as distintas estacións improvisando unha rudimentaria tenda de campaña oscura e iluminando os gravados coa luz rasante dunhas linternas. Desta maneira puidemos ver claramente o relevo que coa luz do día sería case imposible apreciar.


A excursión finalizou cun xantar nos locais sociais do concello de Vilarmaior.



Ningún comentario:

Publicar un comentario