O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscientes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.

sábado, 21 de xuño de 2014

ACTIVIDADE DE DIVULGACIÓN CO CPI "CASTRO BAXOI"

Desta volta tivemos mellor sorte co tempo que do ano pasado e máis coa dos alumnos do IES Breamo: o día estivo estupendo e mesmo pasamos algunha calor moi de agradecer despois dun longo inverno.
O percorrido comezou coma sempre co traslado en autobús dos alumnos de 1º eso do CPI Castro Baxoi en Miño ata o cumio do monte Breamo, pasando polo val do Xarío (hoxe urbanización pantasma de Costa Miño Golf) onde informamos dos traballos arqueolóxicos que se fixeron cando as obras de urbanización, dos achados que apareceron e da posible relación destes co santuario do Breamo. Puidemos ver, e os nenos tamén, que o concello desta vez ocupouse do desbroce do recinto das dúas mámoas conservadas a carón da entrada ao clube de golf, só que se fixo con tanta intensidade que o tractor esnaquizou os paneis informativos das mesmas e que debían estar ocultos entre os toxos.

No adro da capela de San Miguel

Xa no adro da capela de San Miguel comenzamos a relatar aos nenos as características deste santuario de orixe precristiá, a súa importancia relixiosa e social na actualidade e os seus valores artísticos  e patrimoniais como monumento declarado BIC, incidindo no significado deste termo para a protección do Patrimonio Cultural da comarca.

Os nenos do Castro Baxoi

Ao remate desta etapa continuamos baixando do monte polo castro de Castrelo ata chegar ao de A Ínsua para, dende alí, continuar camiñando de volta a Miño. Os rapaces e as rapazas de 1º eso A e B prestaron moita atención ás explicacións e participaron con preguntas nas que amosaron o seu interese e curiosidade.
Vaia dende aquí o noso agradecemento por seren tan marabilloso e atento auditorio. Un bico a todos!


venres, 23 de maio de 2014

ACTIVIDADES DE DIVULGACIÓN NO IES "BREAMO"

Por terceiro ano consecutivo fixemos as actividades de divulgación en colaboración co profesor de Antropoloxía e Filosofía do mesmo Víctor Mateo. Como nas anteriores edicións, fixemos primeiro unha presentación na clase (o día 21 de maio) na que explicamos os obxectivos de Ardóbriga, os nosos programas de traballo e o proxectos que desenvolvemos. Seguidamente contamos as circunstancias que nos levaron a realizar a intervención arqueolóxica no castro de A Ínsua.


Presentación no IES Breamo
O día 23 do mesmo mes, e cun pronóstico de tempo bastante malo, decidimos cumprir coa excursión programada, xa que adiala conlevaría adentrarnos en datas de exames moi preto xa do final de curso.
Malia estar o día moi pechado poidemos ensinar aos rapaces a paisaxe arqueolóxic que se pode contemplar en distintos puntos da subida a Breamo como Vistalegre ou A Quintiá, iso si, sen nos baixar do microbús que nos transportaba.


Parte das explicacións fixéronse sen baixar do bus, por mor da choiva.
Ao chegar ao cumio do monte parecía que escampaba, e cando nos dispoñíamos a iniciar os comentarios comezou a chover con forza, polo que tivemos que volver ao autobús e narrar aos rapaces os datos que temos para afirmar que no Breamo xa existía un santuario antes de se fundar o convento agostiño que construiu a capela románica que podemos ver hoxendía. Esta antigüidade extenderíase a etapas anteriores á cristianización do territorio. 


Finalmente puidemos achegarnos á capela de San Miguel.
Finalmente puidemos achegarnos á capela de San Miguel, dar unha volta arredor e comentar algúns detalles do monumento BIC. Seguidamente iniciamos o descenso en dirección ao castro de Castrelo, no que non puidemos entrar por estar todo mollado.


O castro de Castrelo estaba impracticable.
Conforme avanzaba a mañá o tempo ía mellorando. Cando chegamos a Boebre xa era razonablemete bo e puidemos visitar o castro de A Ínsua onde contemplamos a beleza dos acantilados da costa de Boebre e os lugares da nosa intervención arqueolóxica xa coñecida por eles.




Alumnos de 1º  bach. da materia Antropoloxía no castro de A Ínsua.
Curso 2013-2014

mércores, 9 de abril de 2014

I XORNADAS SOBRE PATRIMONIO (continuación)

O domingo día 6, segundo das I XORNADAS SOBRE PATRIMONIO celebradas en Betanzos coa organización de Roxín Roxal, fíxose o programado roteiro de visita por dous dos bens patrimoniais que foran comentados na xornada anterior.
A saída do autobús foi ás 9:30 de Betanzos e a primeira escala fíxose no xacemento do castro de As Travesas, no concello de Carral. Foi comentado por Antón Malde, no seu momento director dos traballos arqueolóxicos desenvolvidos, consistentes nunha limpeza e desbroce do recinto e escavación do sector das entradas ao antecastro e á croa máis unha pequena cata no interior desta. Malde falou da importancia deste castro na encrucillada de dúas importantes rotas de comunicación da antigüidade e da súa grande actividade comercial desvelada a través dos achados da intervencción arqueolóxica.





O segundo lugar visitado no roteiro foi a capela da Virxe da Estrela, en Arteixo, e foi guiada por Xurxo Couto, vicepresidente da Asociación Monte da Estrela, que comentou os traballos do seu grupo para a recuperación deste ben e máis do patrimonio inmaterial a el asociado, principalmente da romaría esquecida despois de 50 anos.






martes, 8 de abril de 2014

I XORNADAS SOBRE PATRIMONIO


Esta fin de semana celebrouse na vila de Betanzos as I XORNADAS SOBRE PATRIMONIO organizadas polos compañeiros da asociación libre de Paderne Roxín Roxal, o patrocinio da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e coa coorinación de Sabela Pérez. A finalidade destas Xornadas eran debater, entre as distintas asociación convidadas, sobre a situación do patrimonio cultural e natural, en definitiva patrimonio paisaxístico, do amplo territorio das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, recentemente declaradas Reserva da Biosfera. A nosa Ardóbriga, de Pontedeume e Miño, tivo a honra de ser convidada a este evento entre outras asociacións que traballan de xeito altruísta pola conservación dun patrimonio que é de todos. 


Abriu a quenda de intervencións o arqueólogo Antón Malde cunha disertación titulada Sociedade, Territorio, Patrimonio na que quedaron plantexada as principais cuestións que logo irían desenvolvendo os seguintes interviñentes dende diferentes puntos de vista. A responsabilidade institucional das diferentes administración, a necesidade de deseñar programas de divulgación, de utilizar os medios e as redes sociais, o establecemento de relacións cos centros educativos, a procura de apoio técnico solvente e a formación de equipas de voluntarios foron algunhas das cuestións desenvolvidas polo arqueólogo. Foi moita a satisfacción entre os membros de Ardóbriga ao escoitar as palabras de Malde, xa que sinalaban un camiño moi semellante ao que vimos traballando dende a nosa fundación.

Sabela Pérez e Antón Malde

Seguidamente falou Xurxo Couto en nome da asociación Monte da Estrela que narrou os traballos do colectivo do que é vicepresidente na recuperación da capela da Estrela no cumio do monte que dá nome ao grupo, así como a recuperación do camiño que conduce a ela e dunha romaría esquecida despois de 50 anos.

Xurxo Couto. Asociación Monte da Estrela

A continuación interveu o representante da asociación Ardóbriga, que neste caso foi a cargo do seu presidente Antón Prego. A intervención consistiu nunha descrición breve dos noso obxectivos e os programas que desenvolvemos a partir dunha pequena escolla de desfeitas contra o patrimonio das moitas que podemos observar dentro do nos territorio de acción. Seguidamente falamos da intervención arqueolóxica no coto de A Ínsua en Boebre (Pontedeume), das circunstancias que nos levaron a facela, de cómo se desenvolveu e das conclusións que tiramos como asociación despois desta experiencia. Finalmente, e con non pouca presa, expuxemos unhas declaracións a propósito da declaración de reserva da Biosfera.

Antón Prego. Asociación Ardóbriga.

Para rematar a quenda da mañá, Fernando Bandín, membro do Padroado da fundación Fragas do Mandeo que falou das actividades que están a levar a cabo de Custodia do Territorio, do traballo voluntario e do plan de xestión de montes cedidos por particularesnos nos que traballan para eliminar especies invasoras, sobradamente a eucaliptización, verdadeira lacra de grande parte do territorio galego. Tras a limpeza do monte plantan castiñeiro de froito micorrizado coa intención de desenvolver en poucos anos unha fraga nova que dea acubillo as especies animais e vexetais autóctonas.

Fernando Bandín. Fundación Fragas do Mandeo.
Pola tarde abriu a quenda de interviñentes Alberto López en nome do Grupo Arqueolóxico Terra de Trasancos, que fixo un relato dos moitos xacementos arqueolóxicos que foron atopando dende a súa fundación en 1991, sobradamente conxuntos tumulares e estacións de gravados rupestres nos concellos de Cabanas, Monfero e Irixoa, facendo unha importantísima aportación ás catalogacións patrimoniais e publicando os seu achados de extraordinario valor en diferentes traballos divulgativos. Ademáis, plantexou os problemas de conservación que presentan estes bens sempre vulnerables a moitas agresións como as derivadas de actividades forestais.

Alberto López.  Grupo Arqueolóxico Terra de Trasancos.

De seguido Iván Franco e Jordi Tato relataron a Experiencia de arqueoloxía pública en Carnota, especial interese tiveron as intervencións no xacemento de Torre dos Mouros e no Castro de Mallou con importante implicación social no desnvolvemento dos traballos, que foron dirixidos polo arqueólogo Antón Malde. Iván Franco, concelleiro de cultura do concello de Carnota, foi o único representante institucional que participou nas Xornadas e foi quen de aportar unha valiosa perspectiva alternativa fronte ás actitudes curtopracistas ou abertamente hostís das meirande parte das autoridades municipais ante a xestión do patrimonio arqueolóxico. A xestión de Franco pasa polo rexeitamento da construción de museos tradicionais e propón a creación de museos abertos e rutas definidas entre os diferentes enclaves a través dunha senda verde que valore o patrimonio cultural, programacións de divulgación e implicación cidadá en torno aos xacementos nas que destacan as barferencias ou charlas divulgativas nas tabernas das aldeas, de grande aceptación.

Jordi Tato e Iván Franco de Carnota.
Despois da quenda de preguntas aos interviñentes da tarde veu a mesa redonda. Con Manuel Gago como moderador e a participación de Carmen Lamela, Javier Losada (director de Tesouros de Galicia), Carlos Amoedo, Jorge Blanco (xerente da asociación Mariñas-Betanzos) e Antón Malde. Estaba prevista, ademáis, a asistencia de Gonzalo Navaza, prestixoso filólogo membro da Comisión de Toponimia de Galicia a quen tiñamos os ardóbrigos especiais ganas de coñecer para compartir con el as nosas experiencias na preservación da microtoponimia, pero non puido asistir. No seu lugar asistiu Manuel Rey, tamén filólogo e membro da Mesa pola Normalización do Galego. Rey foi, ademáis, concelleiro en varios gobernos municipais de coalición de Pontedeume en anos de triste memoria para a conservación do patrimonio arquitectónico da vila e de desmanes urbanísticos de todo tipo. 

Coa mesa redonda remataron as xornadas
A mesa redonda tratou diferentes temas dos que podemos destacar a necesidade de colaborar todos nun cambio de paradigma nas relacións sociais e institucionais co patrimonio, na busca de nichos de mercado e na diversificación da oferta de produtos culturais que reforcen unha concepción do patrimonio como activo económico. En definitiva, procurar valores económicos que xustifiquen os apoios necesarios das administracións para a protección do patrimonio. 

luns, 31 de marzo de 2014

ENTREVISTA EN RADIO MIÑOCA

O pasado 19 de marzo os alumnos de 3º eso B do CPI Castro Baxoi de Miño que levan a cabo unha actividade de radio en Radio Miñoca entrevistaron ao seu profesor Antón Prego, membro de Ardóbriga. As preguntas foron de moito interese a valeron para que os rapaces máis novos coñezan as nosas actividades e proxectos de primeira man.

UN VERTEDOIRO NO BREAMO

Un novo verquido de lixo, desta vez entullos e restos de obra, amenaza o entorno da capela se San Miguel, no cumio do monte Breamo, con coverter este monumento declarado BIC (Ben de Interese Cultural) nun vertedoiro incontrolado máis dos que abondan polos montes da contorna. 





A asociación Ardóbriga deu parte hai xa tempo da existencia destes verquidos perante o SEPRONA, pero nada se fixo dende entón. Resulta moi difícil saber quen está detrás destes atentados contra o Patrimonio Cultural e Natural da nosa comarca, pero máis difícil resulta comprender como, existindo puntos de recollida de desperdicios, estes vanse depositar nun lugartan senlleiro como este, supoñemos que con alebosía e nocturnidade. Os prexuizos que causan estes atentados á sociedade toda son de difícil cuantificación, a imaxe que ofrecemos como sociedade a os non poucos visitantes que se achegan a este monumento é a dun país terceiromundista que non é quen de protexer axeitadamente os seus máis valiosos bens patrimoniais.

Os restos que deixan os romeiros despois de cada festa non son menos gravosos para a integridade do entorno do santuario.

Observando con perspectiva paisaxista estes atentados contra o Patrimonio e o medioambiente non son menores que outro que se ben xestando lentamente dende hai moitos anos: a invasión abusiva do monocultivo silvícola do eucalipto. O aspecto dos nosos montes non é o que debería ser e a diversidade ecolóxica dos mesmos dista moito de ser a que lle correspondería.

martes, 22 de outubro de 2013

EXCURSION CON ROXÍN ROXAL

O pasado domingo 20 de outubro a Asociación Libre de Paderne Roxín Roxal programou un dos seus roteiros de outono ao que acodeu, coma sempre, moitísima xente (fontes da organización estimaron unhas cen persoa,s entre as que había un grupo de nenos do colexio de Andrade coa súa mestra) e, coma sempre, a organización foi excelente.
O destino desta ocasión foi a parroquia de Torres no concello de Vilarmaior para contemplar os petróglifos descubertos nos últimos anos pola asociación Grupo Arqueolóxico Terra de Trasancos e publicados en diferentes números da revista Anuario Brigantino de Betanzos. Varios grupos de ardóbrigos nos achegamos ata alí para coñecer de primeira man estes novos achados arqueolóxicos.


Os gravados foron comentados por Alberto López, membro do Grupo Arqueolóxico Terra de Trasancos e un dos descubridores destes xacementos rupestres, únicos no Norte de Galicia por incluir nos seus repertorios iconográficos algunhas figuras de probable referente antropomórfico.


Os organizadores da excursión dispuxeron dun gran plástico negro que ían colocando sobre as distintas estacións improvisando unha rudimentaria tenda de campaña oscura e iluminando os gravados coa luz rasante dunhas linternas. Desta maneira puidemos ver claramente o relevo que coa luz do día sería case imposible apreciar.


A excursión finalizou cun xantar nos locais sociais do concello de Vilarmaior.