O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscientes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.

luns, 1 de agosto de 2011

EXPOSICIÓN EN PONTEDEUME



1-10 de abril

A exposición “O xacemento arqueolóxico da illa de Sta. Comba, Covas (Ferrol)” chega a Pontedeume despois de permanecer preto dun mes en Miño, no CPI Castro-Baxoi e no local social de A Rúa.
A Asociación Ardóbriga contribúe desta maneira á itinerancia dunha exposición montada pola Sociedade Columba de Covas coa colaboración da Deputación Provincial de A Coruña. Esta contribución é o resultado dunha confluencia de obxectivos entre ámbalas dúas asociacións, xa que coincidimos en procurar a protección do patrimonio a través da divulgación do seu coñecemento.
A Sociedade Columba, máis veterana que Ardóbriga, é un modelo para nós, tanto polos obxectivos compartidos como polo modelo organizativo. Ademais, dende os nosos inicios ofrecéronos xenerosos os seus consellos fundados nunha sólida experiencia asociativa. Así pois esta pequena contribución nosa sirva de sincero agradecemento á desinteresada axuda que nos foi prestada.
A exposición consta de trece paneis de 120x90 cm no que, tras unha introdución de carácter literario, descríbese a peculiar ubicación do xacemento da illa de Sta. Comba, nunha antiga península hoxe separada de terra firme, pasando de seguido a narrar alternando gráficos con textos as dúas campañas arqueolóxicas levadas a cabo pola Sociedade Columba en diferentes anos. Sigue a exposición coa descrición dos materiais achados e unha didáctica explicación de como sería a vida na poboación ártabra que ocupaba o lugar na Idede do Ferro. Adícanse dous paneis á descrición pormenorizada do que sen dúbida foi o principal achado: os restos dun forno metalúrxico acompañado de restos de escoria de fundición que ven a certificar as hipóteses de que na rexión ártabra procesábase o mineral para obter ferro e que este, e máis nun castro costeiro destas características, sería obxecto de intercambio comercial a través do mar. Conclúe a exposición con dous paneis adicados á explicación dos traballos de restauración da ermida de Sta. Comba levados a cabo tamén pola Sociedade Columba.
O día 8 de abril, desplazouse ata Pontedeume o presidente da Sociedade Columba, D. José López Hermida, co fin de ofrecer unha charla de presentación da exposición á que asistiu numeroso público. Ameno orador, López Hermida trenzou un discurso cheo de anécdotas que ilustraron á perfección o desenvolvemento dos traballos realizados pola asociación que preside. Ao final, os asistentes, curiosos, fixeron moitas interesantes preguntas relativas tanto a aspectos organizativos como técnicos.

luns, 20 de xuño de 2011

EXCURSIÓN ARQUEOLÓXICA Á BARBANZA








O pasado día 2 de abril Ardóbriga organizou unha excursión ás terras da Barbanza consistente na visita a varios xacementos arqueolóxicos desa comarca explicada por profesionais especializados. As charlas financiáronse con cargo á subvención da Deputación Provincial de A Coruña.
Saímos en autobús de Pontedeume ás 9:30 co aforo prácticamente completo, pódese dicir que a experiencia foi un rotundo éxito de asistencia, acentuado ademáis pola diversidade de idades dos asistentes.
Chegamos a Neixón (Boiro) a media mañá e nos recibiron no Centro Arqueolóxico do Barbanza onde nos organizaron en dous grupos para adaptar as visitas guiadas a dous niveis de idade: nenos e adultos, e facer as explicacións máis asequibles. Mentres os nenos asistían á visita guiada, os maiores tomabamos un café, e, ao rematar aqueles, entramos no Centro a ver a exposición acompañada duns detallados e amenos comentarios por parte do guía. De seguido pasaron a ensinarnos os castros de Neixón Grande e Pequeno, situados nun lugar privilexiado á veira da ría de Arousa que nesta ocasión semellaban especialmente bonitos gracias ao sol primaveral que lucía a esas horas.
E así foi chegando a hora de xantar e a expedición toda desprazouse ata un restaurante da zona onde tiñamos reservadas tres longas mesas e onde nos ofreceron un banquete a un prezo asequible.
Despois do xantar fumos visitar o dólmen de Axeitos cunha pormenorizada explicación por parte do prestixioso arqueólogo D. Fidel Méndez Fernández, que puxo ao servizo de Ardóbriga todos os seus coñecementos e experiencia no campo do megalitismo.
Xa pola tarde, seguimos pola veira norte da península do Barbanza ata o castro de Baroña en Porto do Son. Empezábase a levantar un incómodo vento que presaxiaba auga, pero aínda así aventurámonos, mesmo os asistentes de máis idade, a baixar ata un dos castro máis senlleiros de todo o patrimonio arqueolóxico de Galicia e que corre un grave risco de sofrer deterioros de caracter irreversible. Aquí a expedición espallouse polo extenso e logo camiño que baixa dende a estrada ata o castro, pero aínda así logramos formar un bo grupo para escoitar as explicacións do noso arqueólogo colaborador habitual.
Facíase tarde e embarcamos no autobús de regreso a Pontedeume, os maiores algo fatigados e os nenos incansables, pero todos cun bo sabor de boca e con moitas cousas novas aprendidas do noso pasado e do noso patrimonio arqueolóxico.






venres, 27 de maio de 2011

CHARLAS NO CPI CASTRO BAXOI



10 de Marzo de 2011

Si dentro do programa de animación á lectura da Biblioteca do CPI Castro Baxoi de Miño resultou moi interesante para os alumnos de secundaria a exposición sobre o xacemento da illa de Santa Comba, organizada pola Sociedade Columba e traída a Miño por Ardóbriga, non o foron menos as charlas sobre arqueoloxía que tamén poidemos conseguir para colaborar no tema deste ano do programa de animación á léctura.

Sendo o tema en cuestión é A Prehistoria e as Civilizacións da Antigüidade, qué mellor que un especialista en Prehistoria e Arqueoloxía como o noso habitual colaborador Fidel Méndez para falarlles aos rapaces destes temas e, de paso, dar a coñecer entre os máis novos de Miño e Vilarmaior (hai moitos alumnos deste concello) o pasado prehistórico local.

En coordinación co Departamento de Biblioteca do Castro Baxoi, programamos dúas charlas dirixidas a alumnos de dúas etapas educativas diferenciadas: primaria e secundaria, e con temas adaptados as características de cada idade.

Así, para o alumnado de secundaria a charla tratou da descrición do xacemento neolítico de A Gándara e a súa contextualización na Prehistoria da comarca, dando a coñecer entre os rapaces outros xacementos da contorna como castros, túmulos ou petroglifos e suliñando a súa importacia como elementos do Patrimonio local precisados de protección e como obxecto de estudo do noso pasado máis remoto. A charla foi seguida con moito interese polos rapaces, que quedaron abraiados pola cantidade de monumentos prehistóricos, algúns de especial importancia, e que están tan perto das súas casas e á vez son tan descoñecidos.

Para os alumnos de primaria decidimos cinguir a charla aos nenos e nenas de 3º ciclo, é dicir, 4º e 5º cursos, e tratar un tema máis xenérico e asequible ás súas idades pero sen deixar de nomear ao Patrimonio arqueolóxico de Miño e Vilarmaior. O tema da charla era O Oficio de Arqueólogo, e trataba de romper estereotipos procedentes do mundo do cine e do cómic dando unha imaxe máis realista da profesión explicando de forma asequible os principais métodos de traballo. Resultou especialmente interesante a parte da charla na que Méndez explicaba a formación dun xacemento arqueolóxico dende o momento no que se orixina ata o que é intervido polos especialistas, pasando por sucesivas etapas de degradación, dando lugar a equívocos na interpretación dos achados por estares desprazados dos seus lugares orixinais de depósito. Os nenos de primaria, menos cohibidos, fixeron moitas preguntas amosando moita curiosidade polos temas obxecto da charla.

EXPOSICIÓN EN MIÑO






28 de Febrero de 2011



Dous feitos confluiron para que a exposición titulada O xacemento arqueolóxico da illa de Sta. Comba chegara a Miño. Por unha banda, o ofrecemento que a Sociedade Columba de Covas (Ferrol) fixo a Ardóbriga dun material de exposición elaborado por eles; e, por outra, a oportunidade que representou o programa de animación á lectura desenvolvido polo Departamento de Biblioteca do CPI Castro Baxoi de Miño.

O ofrecemento da exposición por parte da Sociedade Columba encádrase dentro da política de relación con outras asociacións afíns á nosa e de ampliación de canles para a divulgación dos seus traballos relacionados co patrimonio cultural, neste caso da parroquia de Covas no concello de
Ferrol (http://www.sociedadecolumba.com/). A exposición que aquí presentamos amosa o desenvolvemento de dúas campañas arqueolóxicas no castro e na capela de Santa Comba e máis a restauración desta última, traballos feitos coa colaboración da Deputación Provincial de A Coruña.

Por outro lado, o Departamento de Biblioteca do Colexio Público Integrado Castro Baxoi de Miño, que leva varios anos realizando un louvable traballo, programa actividades de animación á lectura vencelladas cada curso académico a un tema diferente na procura do interése de todos os nenos pola lectura e os libros. Despois de traballar outros anos con temas como os dragóns ou a banda deseñada, no presente curso iníciase unha xeira que baixo o xenérico Dende as cavernas ata as estrelas pretende adicar cada ano a un período da historia humana, comezando desta vez
pola Prehistoria e as primeiras civilizacións. Ademais, neste colexio traballa como profesor de secundaria un membro de Ardóbriga que non fixo máis que casar o ofrecemento da exposición coa necesidade de materiais de divulgación de tema prehistórico.

O resultado foi moi positivo para os alumnos, so hai que visitar
o blog do Castro Baxoi, que tiveron a oportunidade de coñecer unha intervención arqueolóxica realizada por iniciativa dunha asociación cultural de ámbito local e, de paso e gracias a amena charla de presentación que desinteresadamente veu dar o presidente da Sociedade Columba José López Hermida Coñeceron tamén da existencia das nosas asociacións e dos nosos traballos voluntarios e sen ánimo de lucro para dar resposta á necesidade de protección do Patrimonio Cultural.

A exposición permaneceu unha semana no Salón de Actos do Castro Baxoi, pero despois foi trasladada á sala de exposicións do Centro Social de A Rúa, tamén en Miño, onde foi exhibida entre o 21 e o 31 de marzo.




luns, 2 de maio de 2011

CHARLA NO CENTRO SOCIAL DE MIÑO



25 de febrero de 2011

O pasado 25 de febreiro, e dentro do Programa de Comunicación coa Sociedade que Ardóbriga ven desenvolvendo dende o seu inicio de actividades, organizamos unha charla divulgativa titulada Miño na prehistoria. O poboado da Gándara e o seu contexto prehistórico a cargo do arqueólogo e habitual colaborador de Ardóbriga Fidel Méndez Fernández. A charla celebrouse no salón de actos do Centro Social Municipal de Miño e foi seguida con interés por un selecto grupo de persoas entre as que se atopaba o candidato á alcaldía de Miño polo Partido Socialista Manuel Vázquez Faraldo que, ao igual que outras persoas do público, manifestou o seu interese polo Patrimonio Arqueolóxico do seu concello en xeral e máis polo xacemento obxecto da charla en particular, con varias preguntas e comentarios ao final que suscitaron un animado debate entre os participantes no acto.
E é que o tema da charla foi escollido polo seu interés local, para dar a coñecer os achados da excavación arqueolóxica dirixida por Méndez nos terreos que hoxe ocupa a urbanización Costa Miño Golf, concretamente nunha zona que ata o de agora, e xa pasaron varios anos, non foi construida. O arqueólogo relatou como foi contratado pola construtora FADESA para excavar un túmulo de grandes dimensións, que sería destruido, e para poñer en valor dous máis, de menor tamaño, que quedarían baixo a responsabilidade do concello de Miño nas proximidades do Club de Golf.
O resultado da excavación do túmulo pódese apreciar nas fotos que publicamos na sección de Imagoteca da nosa web. Trátase dunha estrutura tumular dotada de foxo perimetral, sen cámara pétrea e con dúas fases de utilización no que apareceron algúns materiais líticos e restos cerámicos. Pero o máis interesante do xacemento xurde ao retirar o montículo de terra no momento no que a intervención parecía rematada, xa que nun nivel inferior e, polo tanto máis antigo, comezan a aparecer estruturas habitacionais consistentes en furados de postes, zanxas de cimentación de cabanas de madeira e estruturas de combustión formadas por pedras queimadas. Informada a Dirección Xeral de Patrimonio do achado, ditaminaron a ampliación no espacio e no tempo da intervención arqueolóxica.
A consecuencia da ampliación da excavación apareceu o que resultaron ser os restos dun poboado de época neolítica de grandes dimensións, no seu momento o máis grande de Galicia destas características. Este poboado estaba formado por numerosas estruturas de cabanas e de combustión, de ocupación discontínua, correspondentes a unha sociedade de tipo seminómada, acompañadas de pequenos fragmentos cerámicos e materiais líticos como raspadores, xunques e unhas fermosas machadas dunha pedra pulimentada que non se atopa pola comarca e que fai pensar nos longos desprazamentos dos habitantes do poboado. Algúns destes materiais, así como as estruturas, pódense ver tamén na nosa sección de Imagoteca por xentileza do director da excavación e relator desta charla Fidel Méndez.Finalmente, de toda a intervención nos terreos da urbanización Costa Miño Golf soamente quedan os dous pequenos túmulos responsabilidade do concello de Miño, en estado de abandono e cubertos polos toxos o mesmo que os paneis informativos que os acompañan. Calquera que pase por alí pode verlo. Do túmulo grande e máis do poboado non queda nada.

TOPONIMIA





Noviembre-diciembre 2010


A conservación da microtoponímia dos concellos de Miño e Pontedeume está no mesmo xermolo de Ardóbriga, xa que este foi un dos intereses comúns que nos levaron a constituirmos como asociación. Varios dos actuais membros levabamos xa un tempo recompilando nomes de lugar obtidos a partir das fontes máis diversas.
É por este motivo que dende que escomezamos a programar actividades dentro de Ardóbriga decidimos adicar parte dos nosos esforzos no cumprimento dese obxectivo fundacional creando o noso particular Proxecto Toponimia de Pontedeume e Miño. Asemade, a AAVV de Boebre, que nos cede o seu local para empregalo como sé, pedíronnos hai xa tempo axuda para normalizar os nomes dos camiños e facilitar o tránsito pola parroquia de servicios como correos ou repartos. Así pois, decidimos iniciar o proxecto polas parroquia eumesa de Boebre e pola veciña e miñesa de Perbes, das que,ademáis, xa tiñamos unha boa chea de nomes recollidos en fontes documentais.
O pasado mes de novembro Ardóbriga contacta con persoal do
SITGA (Sistema de Información Territorial de Galicia), para ofrecer a nosa colaboración voluntaria no PTG (Proxecto Toponimia de Galicia). Tras varios aprazamentos e demoras chegamos a concertar unha cita nas dependencias do SITGA coa funcionaria encargada de establecer contacto coas entidades sociais colaboradoras como Ardóbriga. A tal fin desprazamos a Santiago unha delegación da nosa asociación formada por dous membros da directiva. Alí, o técnico da empresa contratada pola Xunta transmitiunos, nun exahustivo e intenso curso preparatorio, as instruccións, consellos e materiais cartográficos e de softwhere precisos para o traballo de campo de rexistro da microtoponimia local nos formatos nos que eles traballan. Unha vez rematada esta parte do traballo, enviarémola ao SITGA para o traballo de gabinete e o sometemento a dictame pola CTG (Comisión de Toponimia de Galicia).
Mediado o mes de decembro, convocamos aos veciños de Boebre a unha reunión no local social para informarlos dos traballos que estabamos a desenvolver e a súa finalidade e máis para demandar a súa colaboración, especialmente dos de máis idade, para identificar os topónimos in situ e así poder ubicalos con precisión nas ortofotos que nos proporcionaran en Santiago.
Na semanas e meses seguintes fomos realizando unha chea de fichas con nomes de lugar de diferente categoría, dende núcleos de poboación ata lugares acasarados, dende montes ata leiras, dende fontes ata regatos. Agora estamos a traballar, ademáis, na recompilación dos talasónimos (nomes de lugar costeiros), o que representa unha verdadeira mina de nomes, algún deles verdadeiramente curiosos.
Trátase, en suma, dun traballo ímprobo para o que, dende aquí, demandamos axuda, principalmente para o traballo de campo, pero tamén como informantes. Colaboración, tanto particular como institucional, que nos axude a conservar esa parte inmaterial do noso patrimonio cultural.

mércores, 9 de marzo de 2011

EXCURSIÓN AO CASTRO DE CASTRELO


14 de agosto de 2010
O castro de Centroña-Perbes ten para a asociación Ardóbriga un especial significado, xa que este xacemento foi en parte o causante de nos constituir como asociación. Do torques achado nos seus arredores tomamos a nosa imaxe de marca e de certa teoría toponímica que sitúa neste lugar a antiga cidade de Ardóbriga tomamos o noso nome.
Por todo isto, e por estar repartido entre os concellos de Pontedeume e Miño, ámbito de actuación da nosa asociación, temos especial interés en desenvolver o que vimos chamando Proxecto castro de Centroña-Perbes que inclúe varios aspectos, un deles é o dalo a coñecer, ensinalo á xente, xa que non se pode protexer o que se descoñece.
Así foi como organizamos, nun caloroso día de agosto, esta excursión que comezou coa concentración dos participantes ás 12:00 no Torreón dos Andrade en Pontedeume, xuntámonos 23 persoas. Iniciamos a marcha tomando o vello camiño que parte do barrio de Porto de Arriba e transcorre cáseque paralelo á estrada CP-4803, que vai de Miño a Pontedeume, pero a considerable altura pola aba Norte do monte de Breamo e que remata na aldea centroñesa de Castrelo. O percorrido por este camiño deparou non poucas sorpresas, xa que apenas era coñecido por un ou dous dos participantes na excursión e fomos moitos os abraiados polos fermosos recunchos e estreitas congostras polas que transcorre nalgúns tramos.
Cando chegamos ás inmediacións do castro decidimos continuar monte arriba para xantar máis cómodamente na área de recreo da capela de San Miguel de Breamo, e deixar a visita ao castro para a tarde.
Despóis da sobremesa, descendimos ata o castro. A contemplación dos potentes parapetos, as grandes dimensións da croa, a claridade estructural do antecastro oeste, a espectacular ubicación do poboado coa ampla visibilidade do Golfo Ártabro, os afloramentos de muros en diferentes lugares, causaron unha fonda impresión nos asistentes máis coñecedores do mundo castrexo. E todo malia non ser a mellor época do ano para facer a visita por mor da mesta vexetación que impediu a exploración do complexo estructural de foxos e parapetos do lado leste, causando certa frustración.
O retorno á vila fíxose pola mesma ruta da ida e a sensación xeral á chegada foi de satisfacción polo agradable do paseo e polo sorprendente do castro. Semella, á vista de todos, que quedan xustificados os esforzos de Ardóbriga pola conservación deste emblemático monumento
.